Blogue

Paisaxes urbanas. Necesidades humanas

Instalación de Ángel Marcos na Fundación RA C. JL OUBIÑA
photo_camera Instalación de Ángel Marcos na Fundación RA C. JL OUBIÑA

CONSTRUÍMOS as nosas cidades dun xeito cada vez máis inhumano. Acumulacións de volumes que procuran máis a supervivencia do individuo que permitir as mellores condicións de vida para os seus habitantes nun senso colectivo. As cidades máis desenvolvidas, ou cando menos as máis atentas a un tempo no que comprender e sensibilizarse con cuestións relativas ao cambio climático tentan mudar esa situación pero, que acontece cando noutros territorios con graves carencias arredor do ser humano as persoas teñen que plantexar o seu futuro?

Unha pregunta á que ofrece respostas a obra fotográfica de Ángel Marcos (Medina del Campo, 1955), un traballo que vai máis alá do puramente plástico, converténdonos en receptores de novas preguntas que xorden dunhas pezas impactantes e brillantemente compostas dende o fotográfico, pero que se moven en contextos formais como os da escultura ou a instalación.

A Fundación RAC, na súa sede da rúa Sarmiento, amosa, dende o seu compromiso coa arte contemporánea, unha proposta artística engaiolante, tanto na súa concepción como no seu plantexamento formal. Arquitecturas para sobrevivir recupera toda unha serie de paisaxes percorridos polo fotógrafo por todo o mundo, pero tamén crea outros novos dende a configuración das súas propias pezas. Paisaxes que non documentan senón que fan agromar emocións e pensamentos sobre a presenza das persoas, sobre esas pegadas que o ser humano deixa no territorio dende as súas necesidades e como aproveita arquitecturas ou materiais da nosa sociedade para facer unha sorte de habitáculos nos que manexar unha vida non moi afortunada con eles.

Somos receptores de novas preguntas que xorden das pezas

De xeito incrible esa acumulación de células nas que vivir xeran toda unha especie de ámbito común no que mesmo a beleza ten algo que dicir, reclamando un certo protagonismo, no que se fixa Ángel Marcos en base á importancia das formas e das cores, e tamén do inxenio sen posibilidades económicas de quen tenta gozar da súa vivenda coa maior dignidade posible, mesmo atendendo a criterios estéticos que o propio fotógrafo aproveita en pezas como a instalación de caixas de cartón con fotografías desas paisaxes que, xuntas, compoñen unha favela escultórica que sorprende tanto como a escultura na que integra elementos como unha porta, unha chapa, unha fotografía e unha planta acadando un fondo sentido plástico ao tempo que mantén vivo ese carácter de denuncia, de sensibilidade fronte a quen vive en situacións de exclusión nun reaproveitamento daquilo que nos sobra aos privilexiados neste mundo que cada vez máis nos alonxa a uns dos outros.

Semellante é a súa proposta de armar unha especie de vivenda na planta baixa da Fundación, con uralitas ou sinais que permiten xerar no espectador a ilusión de cómo serán en certos escenarios esas infravivendas que o único que permiten é a protección do corpo no medio natural.

Unha arte, polo tanto, que dende a mirada de Ángel Marcos reflexiona sobre cómo as cidades crean dentro delas paisaxes que definen un tempo como o noso, cada vez máis desapegado da condición humana e capaz de facer da ruína, do residuo, o acubillo dun ser humano incapaz de mudar o seu destino.

Comentarios