Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Fortes coma unha miñoca

O español, ou castelán, que tanto me ten, é o quinto idioma máis falado na Unión Europea. Non é gran cousa. Por enriba están o alemán, o inglés, o francés e o italiano, nesta orde. Así que se Europa segue a coller folgos, Deus non o queira, o español collerá categoría de lingua máis minoritaria do que xa o é. Os máis patriotas dirán que o español sempre será importante porque o falan máis de 500 millóns de persoas. Non se fíen, queridos e queridas. Na lingua materna dos galegos expresámonos 230 millóns e xa ven de que nos serve, cando vostedes en lugar de vir a aprendela veñen a queixarse de que nós a falemos. Saiban que para un alemán, un inglés, un francés ou un luxemburgués, o español é un idioma inútil. Tarde ou cedo impoñeranse en Europa o inglés, a pesares do Brexit, e o alemán, e farano en detrimento de todas as demais linguas, entre elas o español. Dirán os da plataforma "Wir sprechen deutsch", que o lóxico é que todos os europeos falemos na lingua que nos une e non nas que nos separan, como o español ou o polaco. Achtung.

Virán de fóra a queixarse de que en Burgos os sinais de tráfico ou os rótulos dos comercios non estean escritos en alemán e si "nese dialecto que non serve para nada e só entenden os nativos". Sucederá. Será dentro de 15 anos ou dentro de dous séculos, pero acontecerá. Non teñan a menor dúbida. Virán de toda Europa a recoller firmas para que os nenos madrileños poidan aprender soamente o inglés ou o alemán. Diranlles como teñen que pronunciar os nomes das súas cidades, pobos e aldeas. Vostedes cren que o seu idioma é poderoso en Europa porque o é en España, como o galego o é na Galiza, pero trabúcanse. O español fálano en Europa 46 millóns entre unha poboación de 512. Un 9%. Iso é case nada.

Vostedes dirán entón que o español hai que protexelo fronte ás imposicións externas dun imperialismo lingüístico que vén acabar co seu idioma e coa súa cultura. Ninguén lles fará caso fora do Estado español, créanme. E terano ben merecido, por pinflois. A Galiza viñeron ultimamente vostedes a recoller firmas para esixir o dereito a falar español, coma se ese dereito non existise desde o principio dos tempos. Vimos queixas airadas porque Mercadona ou Carrefour poñen carteis en galego ou en valenciano; á Xunta de Galicia reprocháronlle que escriba os seus chíos en galego. En Catalunya, o pasado venres, insultaron a Gemma Nierga, catalá, por falar catalán. O pianista James Rhodes, inglés afincado en Madrid, perdeu seguidores furiosos nas redes sociais porque cando vén a Galiza escribe en galego e cando vai a Catalunya en catalán: "Deixo de seguirche por escribir unha mensaxe nun idioma que non é o común de todos os españois". E dinllo vostedes a un inglés! Van vostedes pasados de licorca barato feito con alcol metílico, ou que?

Falar español en Europa é cada día menos importante

Pois saiban isto: que falar español en Europa é cada día menos importante. Un idioma pequerrechiño, coma o galego, que máis aló dos Pireneos pinta menos que o euskera. Non se suban á parra; non pensen que o español vai ser máis importante en Berlín por impoñelo en Catalunya ou na Galiza. A pesares de vostedes, todos os habitantes do Estado español respectámolo e falámolo tan ben como vostedes ou mellor. O que lles molesta é que ademais teñamos unha lingua propia e lla ensinemos aos nosos fillos. Din que o español é marxinado en Catalunya, en Euskadi ou na Galiza. Iso, meus reises, é unha soberana falcatruada. Son vostedes os que veñen aos nosos países a marxinarnos o idioma, coma se o seu fose mellor que o noso ou que calquera outro que se fale en algures.

Saiban que cando a súa lingua, a de Cervantes e a de El Prenda sexa marxinada en Europa, contarán coa comprensión de galegos, vascos, navarros, valencianos, baleares ou asturianos, porque sabemos o que é aturar a xente crispada que nos menospreza por manter vivo un idioma e sentirnos orgullosos del. Saiban que teñen vostedes o mesmo dereito a dicir Sangenjo que nós a rirnos de quen o fai. Saiban que o seu idioma, que non pinta nada en Europa, merece para un galego ou un catalán o mesmo respecto que merece o noso, o chinés mandarín ou o taushiro, que por desgraza xa só o fala unha persoa, o peruano Amadeo García, porque outros como vostedes acabaron con el. Saiban que se cadra soben un día a un metro en Londres e poden atoparse con imbéciles que insultan a quen fala español, como fixeron vostedes con Gemma Nierga. Non crean que por impoñelo na Galiza gañan vostedes o respecto dun holandés ou dun alemán. Non sexan parvos. Non sexan inorantes máis aló das súas posibilidades.

Acabarán un día como eses matóns da escola que se meten co máis débil da clase ata que chegan ao recreo e atopan outras bestas que están catro cursos por riba. Será entón cando se decaten do débiles que son vostedes, fortes coma unha miñoca.

Fortes coma unha miñoca
Comentarios