Blogue | Ventureiras

As Marcelas e as Elisas de hoxe

Imaxe da película 'Elisa e Marcela', de Isabel Coixet. DP
photo_camera Imaxe da película 'Elisa e Marcela', de Isabel Coixet. DP

O tempo non sempre voa. Hai quen pensa que os días se nos escapan e que o mundo avanza imparable cara a un futuro incerto. Para outros, o planeta no que nos tocou vivir tarda demasiado en adaptarse aos novos tempos. O certo é que, aínda que os anos e as décadas se vaian sucedendo con demasiada velocidade para o noso gusto, hai comportamentos que, por desgraza, permanecen. Quizais sexa ese o diagnóstico ao comprobar que a día de hoxe, 118 anos despois da voda entre Elisa e Marcela, seguen a producirse agresións homófobas. 

Inauguramos xuño coa versión fílmica da dor das dúas galegas que casaron pola Igrexa en 1901 na carteleira e o filme de Coixet dá para reflexionar no mes no que as persoas do colectivo LGTBI reivindican o seu orgullo e a súa dignidade. O vindeiro sábado cúmprense anos do famoso casamento, da voda sen homes que artellaron Elisa e Marcela como estratexia para poder vivir o seu amor. A película repasa a historia de dúas mulleres que só querían algo tan simple como amarse en paz. A cuestión é: canto avanzamos neste tempo? Sería inxusto dicir que nada, pero afirmar que todo está conseguido sería de inxenuas. Para a meirande parte da poboación, poñer límites ao amor -ou ao sexo consentido e desexado- é unha cuestión absurda, mais tamén existe o odio, non nos enganemos. As escenas de Elisa e Marcela increpadas pola veciñanza ou apedreadas durante un paseo polo monte parécense demasiado á agresión padecida en Redondela por un mozo que concertara unha cita a través dunha app para gais e que foi recibido por un grupo de adolescentes con insultos ou ao golpe de puño que levou unha lesbiana na cara por bicarse coa súa parella en público en Barcelona. 

As Elisas e máis as Marcelas do presente ocultan a súa condición sexual no traballo por medo a represalias, padecen os insultos e chistes homófobos na familia e nos espazos públicos, teñen máis posibilidades de sufrir acoso escolar e son diana de agresións de quen aínda non entendeu que o amor é libre e cada quen fai o que quere con el. 

No orgullo, que non falte a purpurina nin as ganas de loitar

Hai máis dun século da voda de Elisa e Marcela e a lei que regula o matrimonio entre persoas do mesmo sexo no Estado español, que foi un enorme avance cara a normalización da diversidade sexual, aínda non cumpriu a maioría de idade. Queda pendente atender os dereitos das persoas trans, unha parte do colectivo LGTBI invisibilizada e marxinada durante anos que merece o mesmo oco nos xornais, nas empresas ou na política que os homes brancos homosexuais que adoitan centrar a atención cando se fala de diversidade sexual. Hai que falar dos elevados niveis de paro no colectivo, da pobreza, das dificultades para cambiar o sexo nos documentos oficiais e da falta de formación na Administración, na sanidade ou na educación sobre este asunto. 

Celebrar o orgullo de ser tal como se é, especialmente cando a sociedade te rexeita por iso, é un acto de valentía. Pero a reivindicación dos dereitos LGBTI non se limitan só á festa, á purpurina ou a motivos de cores en camisetas de grandes multinacionais que aproveitan a data para facer negocio. Aínda cómpre protestar. Por iso un grupo de mozos e mozas do colectivo Avante LGTB Pontevedra organiza para este mes de xuño a primeira marcha do orgullo nunha cidade como a de Pontevedra. Tivemos que chegar á recta final dos anos dez para que a Boa Vila acolla tamén a festa na que se reivindiquen os dereitos de todas as persoas independentemente dos seus gustos. Que non falte a purpurina nin as ganas de loitar.

Comentarios