Blogue | Ventureiras

Conciliar non era isto

Unha muller camiña cun neno ante o Colegio Calasancio durante os días que estivo pechado. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha muller camiña cun neno ante o Colegio Calasancio durante os días que estivo pechado. RAFA FARIÑA

Propuxéronme un día que me fixase no ritmo do andar das persoas cando saían de traballar. A intención era converter en obxecto de estudo a velocidade coa que camiñaban uns e outras para comprobar que elas levan unha urxencia que lles é propia ás mulleres e da que custa desprenderse. Esa tensión permanente de querer chegar a todo coa eterna sensación de ir sempre tarde, mal e arrastro é tan nosa que en moitas ocasións deixa de percibirse como un problema e pasa a ser algo así como unha circunstancia. O que nos tocou e non podemos cambiar: saír correndo do traballo antes de que pechen o súper, chamar ás cinco en punto ao pai da criatura porque lle toca tomar o antibiótico ou repasar mentalmente a dose do sintrom do teu pai ancián mentres o xefe che encarga unha nova tarefa.

A era covid chegounos ás portas dunha primavera na que as feministas puñan a vida no centro. Nas rúas de Galicia, unha semana antes dun confinamento co que ninguén contaba, berrábase por recoñecer o traballo de quen muda cueiros de bebés e maiores e as faixas das manifestacións recordaban: "Sen coidados non hai vida". Fixo falla só unha semana para que aquela evidencia resoase de xeito aínda máis atronador. As ilusas imaxinamos que o drama da primeira onda nos faría máis humanas. Batemos as palmas pola sanidade pública, aplaudimos polas limpadoras dos hospitais e polas dependentas dos supermercados e prometémonos que nunca máis nos esqueceríamos de algo tan importante como os coidados.

Pasou o verán e chegou o outono, os nenos e as nenas volveron ás aulas nun contexto que nunca antes viviramos. Con cuarentenas puntuais, centros de día pechados, menos actividades extraescolares e mesmo o peche dalgún colexio para frenar a pandemia. As ovacións daquela paréntese que foi a primavera desapareceron e o andar das miñas compañeiras é aínda máis acelerado que antes da covid. O teletraballo presentouse como a solución aos coidados e vemos como, de cotío, as analistas que aparecen nos programas de televisión son interrompidas por nenos que queren amosarlle a mamá o seu último debuxo.

A conciliación non é unha cousa exclusiva dos pais e das nais

Pero conciliar non era traballar o mesmo, pero dende a casa e mentres a túa prole te molesta. Non era atender o teléfono da oficina a calquera hora mentres levas ao teu avó á consulta do médico ou á vez que cociñas a cea. Non era isto como tampouco é unha cuestión exclusiva das nais nin dos pais. Non só ten obrigas quen ten descendencia. De feito, vimos dunha cultura na que, tradicionalmente, as mulleres solteiras ou sen crianzas se ven na obriga de asumir o coidado dos maiores da casa. Por iso é perversa a contraposición das persoas que teñen menores a cargo e as que non no ámbito do traballo. Conciliar é ter tempo para compaxinar a vida laboral coa vida en xeral, polo que debe desligarse este concepto da maternidade. Por iso non debería plantexarse como un dereito para as nais, senón para calquera empregado.

Tamén ten que ser un dereito para quen traballa coidando. Quen atende acaso aos pais ou fillos das empregadas domésticas que asumen as tarefas das casas doutras familias con mellores salarios? Poñer en valor a vida é defender a quen a preserva. Velar por unhas condicións laborais dignas para as enfermeiras, limpadoras ou auxiliares de xeriatría é tamén un pilar para converter a conciliación nun concepto tanxible e non en ideas vagas que non acaban de traducirse en calidade de vida, nin para quen coida nin para os que son coidados.

Comentarios