Blogue | Ventureiras

'Repichoca' de democracia

Xente escollendo papeleta nas eleccións de 2016. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Xente escollendo papeleta nas eleccións de 2016. GONZALO GARCÍA (ADP)

SEI DE quen cambiou a faena de ir votar nas últimas eleccións por un día de manta e sofá, de quen preferiu curar a resaca na cama no canto de inserir a súa opción na urna e mesmo de quen se declara apolítico nos tempos nos que a ultradereita avanza campante e certa de que obterá representación no Congreso.

O normal é aborrecer os partidos políticos e os seus líderes, ninguén di o contrario, pero a política é moito máis ca iso. Política é ver máis alá dos dirixentes, sempre enfangados en disputas absurdas polo poder ou en moitos casos salpicados por casos de corrupción, e entender que a forma de organizarnos nós e os nosos recursos depende en boa medida -non todado que votamos cada catro anos. No contexto de dixomedíxomes no que funciona a política actual é no que se propaga a idea de que todos son irremediablemente iguais. E poden parecelo, abofé que si, pero non o son.

Neste caso non hai que votar por convencemento, senón por medo

Tras o debate do luns e o deste martes as cabezas andarán tolas. Despois do cruce de argumentos preparadísimos, os enfrontamentos calculados e os xestos premeditados quizais entren ganas de desconectar o televisor e deixar que gañe quen teña que gañar. A política é teatro, e máis nos tempos nos que as frases lapidarias de Twitter e a imaxe venden máis que un bo argumento. Que temos que crer entón no medio de todo este circo?

Hai anos ninguén ocupaba nin un segundo dun debate electoral en falar de feminismo, nin sequera do feito de que ás mulleres nos estaban matando. Hoxe o movemento feminista conseguiu poñer no foco da actualidade as inxustizas dun mundo machista e está a demostrar cada día o profundas que son as raíces do patriarcado. Eses mesmos tentáculos son os responsables de que sexan catro homes os que se postulan a presidentes do Goberno e, como tal, debaten sobre os nosos dereitos nos grandes medios de comunicación. Porque os nosos dereitos, os nosos corpos, son o campo de batalla sobre o que nestas eleccións moitos tratan de conseguir máis ou menos votos, xa sexa con promesas ou con medidas reaccionarias.

Son tamén as estruturas do patriarcado as que tremen nos tempos nos que o feminismo abarrota as rúas e por iso xorden propostas como derrogar unha lei que por si mesma é insuficiente -e, polo tanto, habería que ampliar- para protexer ás mulleres que son asasinadas a diario polas súas parellas. Por iso xogar cos dereitos das mulleres dá votos do sector máis reaccionario da poboación. Esa é a parte que hai que saber. Que o circo, desta vez, decidiu centrarse en nós e nos nosos corpos para obter réditos políticos. Temos a arma do voto e a sorte de que somos maioría, por iso a batalla se pode gañar. Non hai que votar por convencemento ou confianza cega, neste caso hai que votar aínda que sexa só por medo.

Estes días reprodúcense polas redes sociais memes e mensaxes que animan á cidadanía a exercer o seu dereito ao sufraxio o domingo. Hainos que recordan a distopía da novela e serie O conto da criada para comparala coa situación actual, tirando dun apropiado dramatismo. Outros apostan polo humor (sempre a mellor opción) e aseguran que se Britney Spears sobreviviu a aquela atribulada época (alá polo 2007) na que broucaba con paraugas aos fotógrafos que a perseguían, calquera de nós pode ir votar o domingo mesmo despois de ter acabado co garrafón de calquera pub tipo no que a xente se reúne un sábado pola noite.

É a festa da democracia, en Pontevedra toca a Panorama e o tempo parece que será solleiro. Menuda repichoca. Non hai escusas para quedar na casa o domingo.

Comentarios