Blogue

Vida dixital

Alberto Dafonte Gómez
É profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidad de Vigo, coordina DIXITAIS e está especializado en comunicación viral.
ILUSTRACIÓN E AUTOR: “Smart God”. Emmanuel Joven.
Smart God. EMMANUEL JOVEN - Interior
photo_camera “Smart God”. Emmanuel Joven.

Escribo estas liñas en Google Docs, un procesador de texto en liña propiedade dunha das grandes compañías de Internet dos nosos días. Resúltame cómodo acceder ao documento a través de calquera dispositivo e resulta doado compartilo con outras persoas para que o revisen e me envíen comentarios. Xestiono o meu correo electrónico a través da mesma compañía e almaceno fotos na nube cun aplicativo que ten os mesmos donos. Non pago cartos por ningún destes servizos que me facilitan a vida pero pago –vaia se pago– cunha chea de datos que, ben organizados, teñen un valor de mercado para moitas empresas que me buscan como consumidor potencial polo lugar onde vivo, pola miña idade e estado civil ou polo tipo de compras que realizo en liña.

A sociedade na que vivimos esixe –cada vez en maior medida– que a cidadanía sexa consciente dos riscos, pero tamén das oportunidades, que nos ofrece o incesante desenvolvemento das tecnoloxías da información e as comunicacións.

No ano 2006 o Parlamento Europeo publicaba o documento “Competencias clave para a aprendizaxe permanente - un marco de referencia europeo” que determinaba e definía un total de oito competencias clave “necesarias para a plena realización persoal, a cidadanía activa, a cohesión social e a empregabilidade na sociedade do coñecemento” entre as cales se atopaba a denominada como competencia dixital. Esta área de traballo, desenvolvida a través de distintos documentos ao longo dos anos, deu lugar no 2017 ao Marco da Competencia Dixital para a Cidadanía na súa versión máis recente –denominada tamén DigComp 2.1–, un documento definido coma unha ferramenta para mellorar a competencia dixital da cidadanía, axudar na formulación de políticas de apoio á construción da competencia dixital e planificar iniciativas educativas e formativas para mellorar a competencia dixital de públicos específicos, coma os do ensino ou o consumo.

O concepto de competencia dixital refírese, en grandes liñas, á capacidade dos individuos para buscar, seleccionar e interpretar información en contornas dixitais; usar tecnoloxías para interactuar, compartir contidos, colaborar con outras persoas e xestionar a súa identidade dixital seguindo a netiqueta; programar, crear e mesturar contidos dixitais respectando as distintas licenzas de propiedade intelectual; protexer de maneira eficaz os seus datos e dispositivos ante terceiros, así como usar as tecnoloxías para protexer a saúde e o medio ambiente; por último, a competencia dixital inclúe tamén a capacidade para resolver problemas técnicos derivados do uso das tecnoloxías, identificar necesidades e seleccionar a resposta máis adecuada, usar as tecnoloxía de forma creativa e ser capaz de identificar carencias competenciais neste campo.

Sobre estes temas falaremos na serie de textos que os membros do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS da Universidade de Vigo –máis algún convidado– publicaremos neste medio baixo o paraugas común de Vida Dixital, unha colaboración co Diario de Pontevedra para tratar de contribuír á divulgación de distintos aspectos da competencia dixital que afectan á nosa vida diaria.

A versión en liña de Vida Dixital incluirá habitualmente ligazóns e información adicional que o papel non pode recoller, así que, se nos está lendo en papel, recoméndolle que nos busque tamén na web (como lles dixen, a tecnoloxía tamén ten vantaxes).

Comentarios