Blogue | Acabou o conto

Galego de hai seis séculos

Un galegofalante medio non entende a un portugués medio
Un cartel señala la entrada en Portugal.ADP
photo_camera Un cartel señala la entrada en Portugal. ADP

NA UNIVERSIDADE de Vigo, campus de Pontevedra, había unha encantadora mestra que lles pedía aos alumnos que non lle falasen con acento gallego. E iso dicíao pechando ben o ‘O’ e cunha non menos encantadora musicalidade que definitivamente era un sinónimo perfecto do que é o acento galego. A ideoloxía e a represión á esencia galega están en todas partes, tamén na universidade, unha especie de bazar de ideas no que os alumnos as adquirimos para facelas nosas e defendelas unha boa parte ou toda a nosa vida.

Así, algúns prestixiosos alumnos das universidades galegas mercaron a idea de que o portugués e o galego son o mesmo idioma. Hai seis séculos, se cadra... Daquela había galego-portugués, o mesmo idioma coas súas variables dialectais. Pero a lingua evolucionou e o galego atravesou por mil leas ata converterse no que é hoxe, guste máis ou menos, un ben cultural en perigo de extinción que hai que protexer, xusto o contrario do que fai o actual Goberno da Xunta, que por non manchar as mans liquidándoo prefire deixalo morrer.

Despois de discutir (adoro discutir en Twitter, xa o sabedes) ducias de veces con aqueles universitarios, nada me convence máis de que o galego e o portugués son linguas distintas.

Partimos da base de que un galego medio non entende a un portugués medio. Obviamente hai excepcións, da mesma maneira que hai excepcións cando un español de Calatayud comprende a tódolos castelán falantes e de socato cruza os seus pasos co Jesulín de Ubrique.

As diferenzas fonéticas entre a meirande parte dos falantes das dúas linguas son abismais. Pero a lóxica proximidade da fronteira achégaos nalgún punto moi concreto, como ocorre na fronteira dos seus territorios con calquera par de linguas diferentes que teñen unha mesma orixe. A iso acoden os unificadores para defender que o galego e o luso son o mesmo. O caso é que o meu amigo Xerardo o de Verín entende con igual facilidade a un galegofalante de Cangas (un dos dialectos do galego máis diferentes ao seu) que a un lusofalante de Chaves (o portugués máis próximo ao seu no lugar no que o dialecto do galego e o do portugués máis se asemellan).

Respecto que alguén poida crer que a ortografía máis adecuada para expresar o galego sexa a que promove o galego reintegracionisma, galego internacional para algúns. No seu momento, quero crer que en base a ortografía empregada polos nosos escritores, optouse pola nosa propia ortografía, a actual (nada de palabras rematadas en M, nin de M en lugar de NH, nin de NH en lugar de Ñ, nin LH en lugar de LL, nin de J en lugar de X (a que máis me encaixaría na lingua, aínda que sería longo de explicar e non teño espazo). Pero isto non vai da forma de escribir, senón da fala.

Coa fonética claramente diferente, tendo grandes semellanzas o léxico do galego e do portugués distanciáronse moito en seis séculos e a gramática, tamén.

Aos promotores do galego internacional non lles vale a norma do galego actual. Queren impoñer a súa escrita similar á lusa. Pero resulta que o galego que falan e ao que aspiran está tan afastado da norma do portugués actual que ao final tamén deberían ir a Academia Portuguesa da Lingua a pedir contas, porque o que alí promulgan non os representa.

Queren mudar as dúas linguas ou simplemente integrar ao galego no portugués, afastalo da lingua cotiá e dos seus falantes e sentenzalo a morte antes de que esta Xunta o mate por inanición? Non os entende nin miña nai.

Comentarios