Blogue | TAL COMO ÉRAMOS

Bailar agarradiños ¡e viva o tango!

A HISTORIA do baile agarrado -en certo modo liorta- temos noticias xa dende pouco despois do ecuador do século dezanove. En efecto, na década de 1860, o baile agarrado xa tiña os seus partidarios, pero tamén os seus detractores, reclutados entre os adalides da decencia. Para ilustrar esta controversia entre dous estilos de baile, o de contacto e o solto (muiñeira, fandango, etc.), que viñan sendo o trasunto de dúas mentalidades contrapostas: a dos valedores da innovación en contraposión á dos defensores da tradición, poñeremos o foco nun espazo concreto, representativo desta pugna entablada no seo da sociedade galega.

Vexamos. Despois dun xantar, no marco dunha malla que tivo lugar nunha aldea, houbo sobremesa con 'contos e reflexións', e despois os que sabían tocar algo a emprenderon con música e cancións, utilizando a flauta, o pandeiro e as cunchas. Como queira que o beneficiado pola axuda dos traballos da malla do cereal manifestaba un grande apego polas tradicións, interpretáronse xotas, muiñeiras, fandangos e ribeiranas, pero non músicas que eran axeitadas para bailes 'agarradiños'. O caso é que mozos e mozas bailaron ata quedar sen folgos. Por certo que Xan de Masma, que é quen relata isto, apuntaba en 1869, que a muiñeira era "o noso baile nacional", e nel "a muller casi non se move; quen o fai todo é o home. A muller parece que se resiste pudorosa; ó home que a solicita ardente".

Agora ben, naquela aldea, cando chegou o día da festa do patrón xa houbo un criterio más amplo. Contrataron a un gaiteiro, co bombo e o redobrante, para interpretar muiñeiras e e outras composicións tradicionais, pero tamén a cega dos Muíños (unha excepción: os invidentes que gañaban a vida cantando e tocando un instrumento musical por prazas e romaxes adoitaban ser homes) "pra rascar no violín a danza", que interpretaba as pezas que as parellas podían bailar enguedelladas. A comisión optou, xa que logo, por poñer unha vela a Deus e outra ao demo. No escenario da festa, despois de xantaren comunitariamente os asistentes boas empanadas e beberen viño con largacía, dividíronse os espazos entre os tradicionalistas, valedores da muiñeira, e os innovadores, partidarios do baile agarrado. O cronista sinala que, entre os castiñeiros: "Facían coro ó redor da gaita os partidarios da muiñeira, do fandango e do zapateado". E xa metidos en danza, bailaron tamén xotas.

Por parate, nunha zona algo distante, a rentes do río, "arremuiñáronse os partidarios dos bailes agarradiños, ó redor da cega que tocaba o violín". Non admite dúbida que Xan de Masma, que avogaba polo enxebrismo, lles tiña considerable inquina; velaquí o comentario que lle merecían estas rapazas: "¡e qué feas estaban as mozas, intentando menear as cachas, como estas negras, ós lúbricos compases de esta múseca africana!". E tamén zahería ao rapaz que máis galeaba no grupo, tildandóo de chulo: "naquel coro cobraba o barato Toño de Cornide, un mozo enxebre que estaba de tahoneiro nos Madriles, e que viñera pasar o vrao á aldea". Este era un mozo especialmente garrido, polo que "algunhas mozas desfacíanse por deixarse apertar e remexer con el". Esta clase de rapazas -afirma o cronista- era das que acudían ao baile moi compostas ou rusticamemente maquilladas, lavando a cara con augardente e botando por riba unha arroba de cascarilla, de xeito que "semellan a estatua do Comendador". Convén precisar que a cascarilla, neste contexto consiste nun afeite para branquear a pel, elaborado con casca de ovo. Como un auténtico Catón, erixíase Xan de Masma, en censor moral dos costumes, particularmente os femininos, en tanto que, pola contra, exaltaba as púdicas "mozas xuncales con aqueles coores que parecen un pemento, con aqueles ollos churrusqueiros, con aqueles corpos robustos e ben feitos; lavadiñas as caras con auga da fonte". E xulgando en conxunto ao empecatado e festivo grupo de inmorais pecadores, describía así o que estaban a facer: "Os do violín refregándose ca danza 'me gustan todas' ".

Xan de Masma apuntaba en 1869, que a muiñeira era "o noso baile nacional", e nel a muller casi non se move

Non é posible negar que o baile de contacto posuía unha acentuada veta erótica. Xa Lamas Carvajal salientaba que os mozos bailaban o agarradiño nos turreiros para se agarraren sen tanto bailar nas carballeiras. Xan de Masma salientaba o perigo que tales bailes entrañaban para a honra das rapazas, cortexadas polos mozos do mundo rural, pero tamén polos señoritos das vilas, que como voitres trataban de aproveitarse delas. Algunhas delas demorábanse ao remate da festa conversando cos rapaces cos que bailaran, expoñéndose ao perigo da seducción, segundo observa o narrador, namentras ía escurecendo e se escoitaban ao lonxe os alalás dos que partiran: "Foronse retirando tamén os homes e as mulleres de ben, que non buscan as sombras da noite pra cubrir maldades. Quedaronse solo no souto os borrachós gomitando; as mociñas tolas parrafeando e espoñendose ó naufraxio, ¡si xa non naufragaran!".

Na década de 1920, introduciuse para ledicia dos corpos un novo baile agarrado, moi provocador, que suscitou o entusiasmo da mocidade, e moi probablemente dos "vellos verdes" tamén. Principalmente dende Bos Aires chegou o tango aos turreiros e salóns, para escándalo dos puritanos de toda laia, por mor do estreito abrazo das parellas, e por algúns dos seus audaces pasos, como o corte e a quebrada, que en conxunto era visto como unha actividade case fisiolóxica. Neste baile, os roles de xénero seguían a pauta tradicional: era tamén o varón quen levaba a batuta, limitándose a muller a secundalo, poñendo no seu desempeño un acento de sensualidade e impetuoso brio. A moda do tango perdurou ata a década de 1950, pero na época franquista debeceu por mor do rigorismo moral das autoridades que o tiñan por indecente e fixeron todo o posible para substituilo polo baile folclórico.

Comentarios