Blogue | TAL COMO ÉRAMOS

Festas gastronómicas

Festa do albariño do ano pasado.JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Festa do albariño do ano pasado.JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As celebracións culinarias populares expresan cal veu sendo a escala de preferencias que informa o padal dos galegos. Segundo puideron constatar Mariano García e Fina Casalderrey, e publicaron no libro Festas gastronómicas de Galicia, os produtos máis empregados nos festexos de celebración gastronómica popular son, por esta orde: as sardiñas, os viños, a empanada, a castaña, o mel, o polbo, a augardente e o queixo. Tamén gozan de notable preferencia: o marisco, nomeadamente o mexillón e a ameixa, o cocido, o caldo, a filloa, o chourizo, o porco, a tortilla, o pan, o grelo, os carneiros, os callos, o capón e o pemento. No capítulo dos peixes, tras da sardiña xa mencionada, salientan a troita, a solla, o salmón e a lamprea. Entre os doces sobrancean o roscón e a rosquilla. A froita -e moi especialmente a cereixa- tamén é obxecto de celebración gastronómica, pero en menor medida que outra caste de produtos.

Na exaltación do viño Albariño de Cambados, que xorde no ano 1953, encontramos o antecedente da verdadeira enxurrada de festas gastronómicas

Na exaltación do viño Albariño de Cambados, que xorde no ano 1953, encontramos o antecedente da verdadeira enxurrada de festas gastronómicas multitudinarias que pivotan arredor dun produto popular ou prato gastronómico. Nos anos sucesivos desenvólvese esta celebración enolóxica, facendo gala dun notable despregamento de recursos promocionais, do que constitúe unha mostra a creación da Serenísima Orde do Albariño. Por certo que este evento testemuña a auténtica revolución vitícola que se estaba a producir no Salnés. Tampouco podemos esquecer que a celebración da 'tradicional' queimada xorde a finais dos 50. A década seguinte, de 1960, foi a época do desarrollismo económico que conlevou unha mellora apreciable do nivel de consumo e, en xeral de vida, dos galegos. Daquela apareceron varias festas máis, en especial as sardiñadas, pulpeiradas (a primeira, celebrada en O Carballiño, comezou en 1963) e as exaltacións dos mariscos (a máis destacada foi a que se celebrou no Grove, que data tamén de 1963) e un pouco máis tarde viñeron as churrascadas, de ascendencia indiana, que promoven en especial a carne de vacún, e particularmente a tenreira galega (aínda que tamén tiveron notable auxe as carnes de cordeiro, carneiro ao espeto e cabrito 'parrillero'). Dou comezo tamén a celebración dos viños, seguindo o ronsel xa mencionado do albariño, que foi pioneira (a festa do Ribeiro promoveuse en Ribadavia, no ano 1964) e as augardentes (a de Portomarín surde ao comezo da década seguinte, en 1971). O fito máis senlleiro dos sesenta foi sen dúbida a festa do cocido de Lalín, que foi implementada no ano 1969, baixo os auspicios do concello. Nas décadas dos setenta e oitenta foi medrando a súa popularidade e incrementouse ao propio tempo, asemade, o número dos festexos que encheron de ledicia o país. Pero foi na década de 1990, cando se produciu un auténtico boom das festas de exaltación culinaria ao longo e ancho de Galicia, alcanzando na actualidade unha cifra que supera os 3.000 festexos populares de cariz gastronómico.

Antes da eclosión festiva dos sesenta, celebrábanse sardiñadas, magostos, etc., pero a pequena escala, en grupos reducidos. Así eran as sardiñadas coas que se deleitaban diversos grupos familiares, de tipo extenso, como eran antano, aos que se sumaban algúns veciños e amigos. Deste mesmo xeito eran os magostos que celebraba a mocidade dunha determinada aldea e entorno próximo, ou ben os veciños que se xuntaban nun xantar comunitario no adro dunha igrexa a noite da festividade de todos os santos. A novidade dos sesenta consistiu no aumento da escala, posto que participaba a maior parte ou, por veces, practicamente toda unha localidade, parroquia, vila ou mesmo municipio, e na implicación, ademais, do Concello e as asociación (de veciños, comerciantes, etc.). Tamén se rexistrou este fenómeno en barrios urbanos. Constituíu así mesmo unha innovación a presentación da festa gastronómica cun revestimento moderno, convertida en evento turístico, que buscaba atraer persoas de afora e proxectar positivamente a localidade en cuestión na iconosfera mediática, ou dito doutro xeito, 'poñer a localidade no mapa'. Con todo isto, e o marketing polo medio, o que adoitou acontecer, como efecto colateral, foi unha notable masificación, banalización e deterioro relativo do produto ou preparado en cuestión que se trataba de promocionar comercialmente.

Estas celebracións presentan algúns aspectos moi positivos: ofrecen produtos de calidade a bo prezo, e que é preferible consumir in situ. Cultivan fórmulas gastronómicas xenuínas e interesantes. Adhírense a unha cociña de impronta saudable (bos produtos, poucas especies, omega 3, preferencia da cocción sobre a fritura, en conformidade coa dieta atlántica) Expresan a adhesión popular de que goza a gastronomía tradicional galega. Son tamén a expresión do apego á identidade gastronómica que contribuíu a frear a penetración da gastronomía foránea trivializada, globalizada, uniforme e pouco ou nada saudable que se adoita bautizar como fast food ou dirty food. As festas de exaltación dun produto alimenticio probablemente serviron para prestar maior atención e valorizar o alimento en cuestión, o que contribuíu á súa preservación e autenticación, de modo que serviron de base para a súa promoción como moderno produto galego de calidade.

Ao cabo, rexístranse nalgunhas delas aspectos sexistas que convén desterrar: son case sempre as mulleres as que fan de cociñeiras de batalla (en prolongación co que sucedeu tradicionalmente coas festas familiares do patrón da parroquia) ademais de desempeñar os labores inherentes aos preparativos e as tarefas de limpeza e recollida, en especial cando a organización non pode contratar equipos profesionais especializados.

Comentarios