Blogue | TAL COMO ÉRAMOS

Mulleres que comían de pé

O NOVELISTA Sylvain Tesson, en Une vie à coucher dehors (Premio Goncourt, 2009) relata a vida do gobernador dunha antiga cidade de Irán. Á hora de xantar, sentaba á mesa e a esposa servíalle a comida. Permitíaselles entón a entrada no comedor as súas catro fillas, todas moi novas, que se sentaban coa nai no chan, arredor dunha alfombra cuberta de verduras e cazolas con cremas. Cada día elas comen así, ao pé do pai. O gobernador sentado no seu sillón lava as mans na cubeta depositada sobre o repousabrazos.

A filla maior provista dunha xerra verte nela con precaución auga fresca. O silencio é absoluto e o prócer suspira mentres desgarra a carne do polo e pensa no seu irmán que tivo xemelgos o ano pasado. Unha bendición. Se Deus lle dera un fillo, chamaríalle Hassan e o tería alí sentado diante del, dando boa conta do prato de arroz. De súpeto, acontece un feito insólito. A súa muller trae sillas do salón e as dispón arredor da mesa, senta nunha e invita ás rapazas a sentarse nas restantes. As nenas toman asento unha tras doutra.

O gobernador cesa de mastigar, diríase que sacudido por unha conmoción, como se recibira un golpe no estómago. Ninguén tiña crebado antes as regras baixo do seu teito.

— Ti insultas ao Profeta, dille a muller.

— Es ti quen me aldraxa, retruca a muller.

— Torna ao teu sitio.

— O meu sitio é a mesa.

— O teu sitio é a chan.

— É o sitio dos cans!

— É o sitio das mulleres e…

A muller xa non o escoita; ela serve o arroz con pasas, e as nenas conversan animadamente. A ledicia colorea a súas meixelas. Elas rin indiferentes a ollada do pai. as mans sobre a mesa, o gobernador asiste ao deborcamento do mundo. El repasa a súa memoria, pero non existe ningunha sura do Corán para esta situación. non ten táboa de salvación.

Como vimos de ollar, a postergación da muller aparece rexistrada nas raíces da civilización oriental. Mais tamén na occidental: nos xantares da antiga Grecia as mulleres da casa quedaban excluídas da mesa. Nos banquetes soamente as hetairas podían participar dos manxares. No medio rural de varios países europeos, na época contemporánea, soamente o pai e os fillos varóns, considerados como "os que traballaban e gañaban todo para os demais membros da familia", se sentaban na mesa. Frecuentemente, as esposas e as fillas solteiras comían de pé na cociña, nun recanto da táboa de cortar (planche à découper), ou sobre a caisse à bois, co prato na man, ou ben sentadas no chan e sen cubertos, que constituían un privilexio exclusivo dos homes.

En efecto, segundo os historiadores Flandrin e Montanari, a desigual alimentación que afectaba ás mulleres, situándoas nunha situación de penuria relativa, expresábase tamén simbolicamente deste xeito. A investigación de Eugen Weber completa o cadro da postergación da muller no mundo rural, poñendo de manifesto que entre o campesiñado francés, a finais do século XIX, estaba moi espallado o costume de que as mulleres comesen de pé. A seguinte observación, bastante recente, de Pierre Bourdieu, referida primordialmente ao medio urbano, resulta ben ilustrativa: "El domingo, mientras que las mujeres, siempre de pie, se afanan en servir y recoger la mesa, y lavar la vajilla, los hombres, todavía sentados, continúan bebiendo y comiendo".

En España, a situación non era moi distinta. Gerald Brenan sinala en Al sur de Granada, que no medio rural era un feito sólito que as mulleres rurais non comeran na mesa. Galicia non era tampouco unha excepción. En Celeiro, a avoa da informante, no transcurso dos anos 1950-60, non se sentaba á mesa situada na cociña, senón nun banquiño preto dos fogóns da bilbaína para ocuparse do condumio e servir aos demais. Naquela casa había unha gran mesa a cuxo arredor se sentaban os nenos e a máis a nai. A outra avoa si que tomaba asento, pero máis tarde que os demais membros da familia, logo de colaborar no traballo.

Nunha casa da aldea de San Mamede había un banco de madeira grande provisto dunha táboa móbil que ao baixar a quedaba por diante do avó e a neta pequena, en tanto que a nai e cociñeira se ocupaba de servir e logo se situaba aparte, nunha silliña a carón da cociña de ferro. Nun fogar de ambiente popular, situado noutra localidade, a familia dispuña dunha cociña de ferro emprazada no medio da estancia. Nun dos laterais comían os nenos (antes que os adultos) sentados todos xuntos nun banco. Os varóns instalábanse logo na outra banda, que era xustamente a contraria á que hai que situarse para cociñar. As mulleres "non estaban moi sentadas".

Emilia Pardo Bazán, no relato El montero (1903) esboza a vida dun matrimonio modesto, aínda novo, que se amaba a súa maneira, "con sanas y rudas caricias". O marido traballaba nunha canteira e anceiaba mercar cos aforros unha leira próxima axeitada para a sementeira. Cando regresa pola noite a muller sérvelle a cea na artesa, pero ela non senta. Así foi como o recibiu: "— Mi hombre, la cena está lista —advirtió Sabel cariñosamente—. Hay un pote tan cocidito que da gloria. He mercado vino nuevo, y te he puesto una tartera de bacalao gobernado con patatas. ¡Siéntate, mi hombre, y a comer como el rey!".

Pero o home, andaba a cismar nas súas preocupacións, prendeu un pitillo, e non se daba sentado. Daquela, a esposa, con actitude solícita, porfiou en que sentara a cear: "— Llégate a la artesa, mi hombre... Te voy a echar el caldo en la cunca... Mira cómo resciende". O home animouse, en tanto que a dona agardaba de pé "mientras su marido se saciaba, ávidamente, como hombre rendido que repara sus fuerzas". Despois de desembuchar o home as incidencias do traballo e referir as súas preocupacións laborais, a muller recolleu a cunca e depositou sobre a artesa a tarteira do bacallau e dous pratos de barro vidrado. a autora daba así a entender que, ao cabo, ela sentou tamén a comer.