Opinión

2 de abril / Descanso

Diario de Pontevedra, en colaboración coa Fanpa e o Concello de Pontevedra, publica cada día dous dos relatos finalistas da VII edición do concurso literario

2 de abril

Respiro. Respiro porque Raquel me dixo que o fi xese. Respiro porque me dixo que iso me tranquilizaría en situacións como a de hoxe: mamá púxome o leite enteiro en vez de semidesnatado esta mañá, papá recolleume dous minutos tarde do colexio e fun o único que non tivo parella no traballo de clase. Esa é a situación. Raquel díxome que contar é bo. Un, dous, tres, catro… Mamá entrou no meu cuarto e non me deixou acabar de contar porque me agarrou forte. É molesto, pero estrañamente relaxante.

–Non podo empezar a contar e non terminar, mamá.

–Vale, pois termina agora, fillo.

–Cinco, seis, sete, oito, nove, dez. Grazas, xa estou mellor. Sóltame.

–Agarrarte é importante para que te tranquilices –dixo con cara creo que de preocupación.

–Beber leite semidesnatado tamén é importante. –Creo que mamá está triste. Nos debuxos que me deu Raquel había unha cara parecida á súa.

Si, está triste.

–Que che pasa?

–Non te preocupes, o teu leite vai ser sempre semidesnatado. –Foise cun medio sorriso.

Respiro. Máis tarde aparece papá.

–É duro para nós. –Para min non o é?

–É máis duro ter que esperarte dous minutos –dixen con xenreira. Foise.

Parecía enfadado. Aparece mamá.

–Perdoa a papá, non leva ben a noticia.

Vaise. Non sei que pasa, aínda que o médico que fala comigo os luns e os mércores me poña un nome agora, eu teño o de sempre, sigo sendo eu. En fi n, agora teño que celebrar o 2 de abril.

Lucía Pedreira Collazo
IES A Guía [Vigo]


Descanso

Penso... Non se me ocorre nada. Sigo pensando... Deus, que pesadume, non teño nin idea. Vaime rebentar a cabeza. E saber que quero ser escritor de maior... Uff! Que parvadas!

Estou no meu cuarto rodeado de mil cousas e só podo pensar nela. No seu cabelo, no seu sorriso, nesa maneira de andar, como me mira cando pasa ao meu lado, e, total, para que ela non me faga nin caso. Non sei que vou facer.

Teño que botarlle valor e o luns, cando chegue ao traballo, vou falar con ela. Atrevereime. E se me di que non ou nin sequera me fai caso...? Entón! A seguir sufrindo.

Saio da casa e vou tomar unhas copas. Seguro que iso me alivia. Vou onda os meus amigos. Chego ao bar e alí están, coma sempre. Non me fallan, eles si que me coñecen e me queren, aínda que non sei por que, non me falan nin se dirixen a min. Sempre os acompaño, estou e eles nin caso, e iso que me queren porque sempre fan chistes sobre min e contan anécdotas miñas. Logo faise un silencio e trocan de tema, xa non me interesa tanto.

Xa estamos outra vez... Ignóranme. Vou deixar de vir. Mellor tomo unhas copas e volvo á casa.

Estou canso, marcho. E eles nin me responden. Empezo a dubidar de que sexan os meus amigos.

Chego á casa. Está fría e escura coma sempre. Vou para a cama, tápome, pecho a caixa e ata mañá. Mañá será outro día. Xa verei que fago. RIP

Teo Redondo Lorenzo
IES Carlos Casares [Vigo]

Comentarios