Cando o alumnado lles pon nota aos docentes

Escolares de Primaria do CEIP A Xunqueira I xulgan o talento dos futuros mestres nun concurso telemático de actuacións en inglés
 
Os concursantes, durante as súas actuacións. DP
photo_camera Os concursantes, durante as súas actuacións. DP

¿Que ocorre cando é o alumnado o que lle ten que poñer nota aos mestres? E se non son os seus docentes, pero algún día chegarán a selo? Cando alguén pretende converterse en mestre de Educación Infantil a formación vai moito máis alá do que din as programacións. É imprescindible a empatía, a imaxinación e deixar a vergoña a un lado.

Así o fixeron 66 estudantes do grao en Educación Infantil, que con cancións, contos, trucos de maxia e experimentos, todos eles en inglés, protagonizaron un concurso que se desenvolveu nas tardes do xoves e onte de xeito virtual e no que 19 escolares do CEIP A Xunqueira I exerceron como xurado. Baixo o título de You can really do it!, trátase dunha iniciativa promovida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo e a docente do citado colexio Carmen Quinteiro. Inicialmente fora concibida como un evento que ía desenvolverse nas propias instalacións do centro, pero a crise da covid-19 obrigouna a trasladar á rede.

O obxectivo desta actividade, explica Lareo en declaracións ao Duvi, era "que os universitarios se achegaran ao seu futuro labor" como docentes a través dunha iniciativa inserida nas actividades da materia Idioma estranxeiro-Inglés. Inicialmente, sinala, o alumnado ía presentar as súas actuacións nun evento que se celebraría este mes de maio no salón de actos do colexio, mais a suspensión da actividade docente presencial levounos a transformar esas actuacións en vídeos de dous minutos que os futuros docentes realizaron en grupos identificados co nome dun animal, gravando cada un desde as súas casas.

xO xurado

UNHA OPORTUNIDADE. "A calidade do vídeo non se terá en conta, pero si o seu contido", salienta Lareo dunha actividade que forma parte da avaliación da materia. Os vídeos, que comparten o cancelo #nohaiquennospare, presentáronse a 19 escolares de segundo de Primaria, encargados de decidir os nomes dos gañadores das catro categorías do certame: cancións (Leticia Fernández e Lucía Iglesias), contos (María Casal, Paula Camiña, Rodrigo Cons e Jorge Cidrás), maxia (Sara Piñeiro e Laura e Adela Fandiño).

"Vimos esta situación como unha oportunidade para pór a imaxinación ao poder e como un adestramento para futuras situacións nas que se poidan atopar tanto profesores como alumnos",  recoñece Lareo dunha actividade que se insire da colaboración que desde hai cinco anos mantén con Quinteiro e coa que buscan achegar o alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte ao traballo diario nun centro educativo.

Así, despois de que a docente do CEIP A Xunqueira I protagonizase varios coloquios na facultade, desta volta propuxéronse que fosen os universitarios os que se achegasen ata este colexio. Optaron por converter actividades que o estudantado de Lareo adoitaba desenvolver na aula en actuacións que debían presentar diante da rapazada.

Oito alumnas e dous alumnos de Ciencias da Educación completaron o palmarés deste 'Eurovisión’ moi especial

De feito, antes da suspensión da actividade docente presencial, o alumnado de Quinteiro tiña visitado a facultade e abordado cos universitarios como ía avaliar as súas actuacións nun concurso que, como recoñece Lareo, permite traballar cos nenos aspectos como "o xuízo crítico ou a capacidade de avaliación", á vez que coñecer "de onde saen os profesores e que teñen que estudar antes de chegar a selo".

INGLÉS SINXELO. Gravados nun "inglés moi sinxelo", os vídeos foron presentados á cativada nas dúas sesións deste concurso, ao que incorporaron tamén a lingua de signos, ao contar o grupo co que traballa Quinteiro cunha estudante con problemas auditivos. Deste xeito, a rapazada puido gozar, a través da pantalla, de trucos de maxia, de "experimentos onde vemos como explota un volcán ou como inflar un globo sen aire e duns cantos contos nos que os personaxes non se poden abrazar ao final porque están en corentena", como relata Lareo.

No relativo, ao alumnado universitario, esta actividade está a supor "unha experiencia que lle obriga a saír da zona de confort e enfrontarse a algo novo", engade esta docente, que salienta o esforzo realizado polos seus alumnos e alumnas para lograr entreter a cativos que pasaron varias semanas confinados cunha serie de actividades que, ao mesmo tempo, tamén lles axudan a ampliar os seus coñecementos de inglés.

Comentarios