Cuntis acondiciona zonas verdes e espazos públicos para as festas

As celebracións terán lugar do 14 ao 18 de agosto
2020081213580448674
photo_camera Operarios municipais realizando os traballos de limpeza. CEDIDA

O Concello de Cuntis está levando a cabo ao longo das últimas xornadas un programa especial de limpeza viaria e acondicionamento de espazos públicos e zonas verdes, con motivo das celebracións das festas patronais en honor a Santa María que se desenvolverán dende o venres día 14 ao martes día 18 de agosto.

Aínda que as actuacións de limpeza e mantemento das diferentes rúas, parques e espazos urbanos se realiza de maneira rutinaria polos servizos municipais, estas actuacións intensificáronse nestes días co obxecto de que a vila presente o mellor estado posible para recibir a veciños e visitantes ao longo das celebracións.

As tarefas especiais consisten na limpeza mediante baldeo e outros medios das principais rúas e prazas do casco urbano, así como no acondicionamento mediante segas e retirada de vexetación dos xardíns e zonas verdes.

O Concello de Cuntis aproveita para informar aos veciños da vila que debido aos traballos de limpeza e acondicionamento especiais que se van efectuar, queda prohibida a parada e estacionamento de vehículos na rúa Circunvalación Don Aurelio, a partir das 23:00 horas de onte ata a finalización destes traballos, prevista para hoxe.

O incumprimento desta prohibición levará parella a correspondente sanción administrativa. O Concello de Cuntis prega desculpas polas molestias que se poidan ocasionar.

Comentarios