"Defender o mar é, ante todo, volver"

A fotoxornalista Alba Sotelo realiza unha viaxe de retorno ás orixes na mostra 'Voltar a Ítaca'

Inauguración de 'Voltar a Ítaca'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Inauguración de 'Voltar a Ítaca'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Como unha viaxe de volta. Así presentou a fotoxornalista Alba Sotelo a exposición que inaugurou este xoves no Pazo da Cultura, 'Voltar a Ítaca'. "Defender o mar é defender o noso e é, ante todo, volver". Así explicaba este xoves a buenense a súa relación co mar, un vínculo que lle vén de familia e que explorou para levar a cabo esta mostra. No acto de este xoves estivo presente o comisario da mostra, Ramón Rozas, ademais da concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces, e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. Rozas resaltou a "importancia de que os fotógrafos poidan amosar o seu traballo en salas de exposición".

Do mesmo xeito, o comisario tamén explicou que "os fotoxornalistas non adoitan amosar o seu lado máis artístico", unha eiva que trata de vencer esta mostra. 'Voltar a Ítaca' comparte espazo coa exposición dos artistas Antón Sobral e Carmen Hermo, que xira tamén arredor do mar, aínda que centrándose na natureza. Pola súa parte, Sotelo fixa a mirada na xente que traballa no mar. Ambas mostras estarán dispoñibles ata o vindeiro 18 de novembro nas salas de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Sotelo definiu este como un proxecto persoal inspirado no seu Ulises, seu pai. "El foi quen de perderse no frío dos xeos, perdeu a alma e case todos os dedos das mans e volveu onda nós co cabo de bondade que lle botou miña nai", explicou Alba Sotelo referíndose a un episodio de enfermidade de seu pai durante unha marea no medio do Atlántico. De feito, a fotoxornalista fai unha homenaxe explícita ao seu proxenitor na exposición, xa que a fotografía principal da mesma son as súas mans cos dedos mutilados.

Mais 'Voltar a Ítaca' é tamén un proxecto político que fala do abandono do sector primario e dun "mundo que nos achica". E Sotelo non dubida en sinalar responsables: as políticas europeas, a sociedade de consumo e os gobernos que atacan o sector primario e, como consecuencia, a quen traballa no mar. Súa tía Mucha na conserveira de Massó, súa nai manipulando peixe conxelado, a avoa Carmen traballando descalza nas fábricas ou a outra avoa, Maruxa, que quedou cunha mísera pensión de viuvedade tras anos de traballo, están presentes tamén na mostra. "Eu non son máis que os restos de todo ese sal", indica a fotoxornalista, que no catálogo da mostra asegura que con este traballo reaprendeu a fotografar. "Chegaba ao mar, sacaba a cámara e atopábame torpe e nerviosa. Quizais por querer falar de algo que sabía o que era pero doía sacar"

Comentarios