Traballou nunha carpintería de fabricación de cociñas ata que en 2012 a crise o obrigou a buscar alternativas. A saída atopouna no seu fillo, nado un ano antes. "Sempre estaba reparando nos xoguetes de plástico del, así que empecei a facerllos de madeira". O que nun principio foi anecdótico, acabou converténdose na súa profesión, a de artesán. Comezou a deseñar e crear os seus propios xoguetes en 2013 e dende o ano pasado dedícase plenamente a elo, baixo o selo Artesanía de Galicia. Guillermo Manuel Rocha Silvent é o fundador de Artesanía Silvent, marca que vén de participar por primeira vez na feira de decoración e deseño London Design Fair, celebrada a pasada fin de semana.
Guillermo vive en Caldas de Reis, pero ten o taller na casa de súa nai, en Romai (Portas). "Empezamos con catro modelos", explica, falando en plural, porque no proxecto inclue á súa muller e ó seu fillo Xabier. A primeira é a súa principal crítica e o segundo "é quen os proba. Agora ten oito anos e segue pedindo que lle faga un cada vez que saco modelo novo", apunta o artesán. Un camión cisterna, un Fórmula 1 antigo, outro moderno e un coche triangular especialmente pensado para as crianzas que comezan a andar, foron as súas primeiras pezas. Agora ten 40 diferentes. Avións, camións da madeira, pisonadoras, tractores, Conecta Cuatro, Tres en Raia, dianas, ábacos e mesmo xogos do Camiño de Santiago –na imaxe anexa– e do Camiño Portugués son parte da súa gama.
Guillermo atende tamén encargos personalizados. Ten feito maquetas, unha casa cubo para unha obra de teatro, regalos para vodas e mesmo un soporte para unha cámara de Stop Motion. "Gústame o que fago e pasoo ben", asegura. A maioría dos seus clientes atópaos en feiras e o pasado xaneiro deu o seu primeiro chanzo ó mercado internacional coa presenza dous seus xoguetes na profesional de decoración Formex, en Estocolmo. A raíz dese evento, enviou dous dos seus camións para tendas especializads de Noruega. "Isto supón darme a coñecer fóra. Aquí o xoguete de madeira non está moi valorado, vén moito de fóra, porque en Galicia non hai moito quen se dedique a elo", explica.
"O bonito dos xoguetes de madeira é que a durabilidade é eterna. O plástico rompe e tes que tiralo. A madeira sempre se pode reparar. É o que lle quero transmitir á xente", di. A materia prima que utiliza Silvent é pino país (que merca nun serradeiro preto da casa), chapa mariña en bidueiro e faia ou carballo. "O xoguete de plástico ten saída porque é barato. O feito a man, gusta, pero o problema é o prezo", indica. Porén, hai que pensar na conservación dun e doutro. "O meu fillo machácaos e tenos como o primeiro día, porque resisten", sinala.
Guillermo é bisneto de José Silvent, creador do personaxe de títere Barriga Verde, máis el, cando menos polo momento, non ten pesando adentrarse no mundo dos monicrecres. "Gústame o que estou facendo agora. O nome Artesanía Silvent elixino para aportar un gran de area, porque o apelido Silvent acaba en min", lamenta.