E. Barca: "En base ás reaccións dos nenos temos indicios de se sufriu abuso aínda que non o recorde"

O psicólogo Eduardo Barca estivo na Casa Azul de Pontevedra ofrecendo un obradoiro para as familias organizado por Manaia

Eduardo Barca. CHRISTIAN FERNANDEZ
photo_camera Eduardo Barca. CHRISTIAN FERNANDEZ

Que ten que ter en conta unha familia que adopta sobre o pasado do neno?

Hai moitas situacións que os nenos puideron vivir antes de seren adoptados e, en moitos casos, as familias descoñécenas. Estas vivencias do pasado poden explicar unha serie de comportamentos que aos pais lles custa xestionar. Ás veces hai que cambiar o chip para poder enfrontarse aos problemas dos rapaces, que poden ir dende os enfados, a perda do control ou as dificultades para relacionarse.

Os nenos teñen dúas memorias, a implícita e a explícita e na primeira delas, o neno non é consciente de que lle están pasando cousas

Que tipo de vivencias traen consigo estes menores?

Poden ser moitas, pero a primeira delas é a separación dos pais biolóxicos ou coidadores. Esa sempre está moi presente. Logo hai maltratos, abusos, neglixencias e as que teñen que ver con cuestións máis físicas, como problemas de desnutrición ou o coñecido como o síndrome alcohólico fetal.

Hai experiencias que os pais nin os propios nenos saberán nunca, porque moitos deles son moi pequenos como para recordalo.

Os nenos teñen dúas memorias, a implícita e a explícita. Na primeira delas, o neno non é consciente de que lle están pasando cousas, pero esas vivencias aféctanlle de igual modo. Queda unha memoria sensorial, cando un tacto, un cheiro ou un ruído xera ansiedade ou rexeitamento. É o que chamamos memoria preverbal. Un neno dun ano non vai recordar se lle pegaron, pero se o fixeron, vai reaccionar desproporcionadamente ao contacto, chorando ou afastándose. A partir dos catro anos os pequenos xa teñen linguaxe e son quen de construír unha historia, esa é a memoria verbal.

Neste caso é máis fácil de tratar porque se sabe o trauma que ten o menor, non si?

Claro. A outra, de feito, é moi difícil de identificar. Nós traballamos moito con esas hipóteses cando tratamos nenos. En función do comportamento e das reaccións do menor podemos ter indicios de se padeceu algún tipo de abuso, pero é complicado saber certamente que foi o que lle pasou.

Que problemas pode traer un bebé que chega con meses á súa familia adoptante?

Por exemplo, un retraso na maduración. Coñezo o caso dun bebé que chegou cos dedos dos pés mutilados e os médicos dixeron que as feridas non foran tratadas, que cicatrizaron soas. Imaxina o nivel de dolor que lle causa a un bebé ter os dediños dos pés así. Toda esa dor altera o funcionamento normal do cerebro. Ao igual que a falta de estimulación. Hai nenos que están durante meses deitados nun berce e atados, por iso pode ser que cheguen con nove meses e non sexan capaces de aguantar o peso da súa cabeza. Iso a nivel evolutivo provoca que todos os hitos do crecemento como andar, razoar ou a linguaxe vanse retrasar. A falta de apego tamén causa problemas, porque un neno busca seguridade, saber que pode confiar neste mundo e na xente que o rodea. Un bebé que chora e ninguén o calma ten un nivel de cortisol máis alto, algo moi contraproducente. 

Comentarios