Sete egresadas do campus reciben o premio extraordinario Fin de Carreira

Pontevedra achega o seu oitavo galardoado, un rapaz, á nómina de 27 ex estudantes da UVigo ▶ En Galicia falláronse 69 distincións, das que o 71% recaeron en mulleres
Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra. DAVID FREIRE - Interiores
photo_camera Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder os premios extraordinarios Fin de Carreira a 69 estudantes que remataron os seus estudos universitarios no curso 2017-2018 nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Deles, 49 son mulleres (o 71%) e os outros 20 son homes. Por universidades, encabeza o ranking a UVigo, con 27, seguida da USC, con 26, e a Universidade da Coruña, con 17.

Con este galardóns a Consellería recoñece as mellores traxectorias académicas do alumnado universitario galego, o seu traballo, esforzo e excelencia. Para tal fin, o departamento que dirixe Carmen Pomar destina un orzamento de 222.000 euros. Cada un dos galardoados acada un premio de 3.000 euros e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Dos 27 premiados que obtiveron a súa titulación na UVigo, oito estudaron no campus de Pontevedra. Trátase dun rapaz, Jairo Pazos Veiga, graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e de sete rapazas.

Tres delas tamén estudaron nesa mesma facultade. Son Raquel Nine Nieto e Patricia Barral Aguín, que se titularon en Educación Infantil, e Laura Martínez Gutiérrez (Educación Primaria).

Completan a lista Ana Isabel Montouto López (Belas Artes), Laura Alonso Martínez (Enxeñería Forestal), Gladis Ferreira Troncoso (Fisioterapia) e Tania González Fernández (Publicidade e Relacións Públicas). Dáse a circunstancia de que cinco deles (agás Patricia Barral e Tania González) foran recoñecidos a principios deste ano cos premios extraordinarios de grao, outorgados polo Consello de Goberno da UVigo.

Os premios Fin de Carreira están dirixidos ao alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8'5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7'5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Ao igual que o ano pasado, o número de premios está determinado polo cifra de persoas egresadas na mesma titulación.

Comentarios