Investigadores da Universidade das Illas Baleares (UIB) publicaron un estudo segundo o cal a inxesta insuficiente de ferro e zinc e das vitaminas D, C e B12 podería incidir nunha maior mortalidade por covid-19.
O equipo de Nutrigenómica e Obesidade da UIB, dirixido polo profesor Andreu Palou, expón na revista internacional Nutrients que os países europeos con menor consumo destes micronutrientes, como España, Italia, Bélxica, Reino Unido e Francia, son os que tiveron maior mortalidade durante a primeira onda da pandemia.
A análise do equipo balear, integrado no Centro de Investigación Biomédica en Rede sobre Fisiopatología da Obesidade e Nutrición (Ciberobn), centrouse na correlación entre os efectos da covid-19 nas poboacións europeas e os graos de consumo dos principais nutrientes esenciais para o correcto funcionamento do sistema inmune: as vitaminas D, A, C, B6, B9 e B12 e o minerais ferro, zinc, cobre e selenio.
"A importancia da nutrición no funcionamento saudable da nosa resposta inmune é amplamente recoñecida pola comunidade científica, pero, máis especificamente, os autores (Sebastià Galmés, Francisca Serra e Andreu Palou) pretenderon identificar que nutrientes concretos poden ser máis importantes ante a ameaza específica da covid-19", explica o equipo da universidade de Baleares nun comunicado.
Analizouse o nivel de inxesta dos dez nutrientes sinalados cos indicadores epidemiolóxicos da infección por SARS-CoV-2 en dez países europeos e os resultados suxiren que "a inxesta subóptima das vitaminas D, C e B12, e o minerais ferro e zinc asóciase a unha maior incidencia ou mortalidade".
O estudo comparativo pon de relevo tamén a importancia para a resposta á covid-19 de factores xenéticos asociados á asimilación e xestión dos dez micronutrientes claves para o sistema inmunológico.
"As conclusións do estudo refírense ao conxunto das poboacións en cada un dos países estudados e ao conxunto europeo, e poden servir de orientación, pero non poden extrapolarse directamente a cada persoa individual", advirten os investigadores.