Evacuadas unha nai e o seu bebé tras un accidente en Vilagarcía

Tres persoas resultaron feridas, dúas delas de gravidade, nunha colisión entre dous turismos en A Cañiza ► Unha persoa resultou ferida en Moraña ao saírse da vía o turismo no que circulaba

VILAGARCÍA. En torno ás 19.00 horas da tarde do luns produciuse un accidente no que colidiron dous coches na Avenida de Rosalía de Castro, en Vilagarcía. Como consecuencia do impacto, catro persoas, entre elas un bebé e a súa nai, foron evacuadas polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.

Así, desde 112 Galicia informábase do sucedido ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Vilagarcía e a Policía Local da localidade

A CAÑIZA. Ademais, uns minutos antes, ás 18:30 horas, tres persoas resultaron feridas, dúas delas de gravidade, nunha colisión entre dous turismos e unha furgoneta cando circulaban pola A-52, no punto quilométrico 274, ao seu paso pola parroquia das Achas, na Cañiza.

Foi a chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia, a esa hora, o que permitiu activar un operativo no que foron informados o servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Ponteareas e Vigo, os axentes da Garda Civil e Policía Local e os membros do GES de Ribadavia.

MORAÑA. Por outra banda, unha persoa resultou ferida sobre as 19.00 horas da pasada tarde, en Moraña, ao saírse da vía o turismo no que circulaba pola estrada que une as localidades de Cuntis a Moraña, aproximadamente no punto quilométrico dous. Foi nese punto onde acudiron os Bombeiros de Vilagarcía informados polo 112 Galicia debido a que o condutor do turismo atopábase atrapado no interior.

Ademais dos bombeiros, os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración do persoal sanitario, dos axentes da Garda Civil de tráfico e Policía Local e dos membros do GES da Estrada. Do mesmo xeito, informouse do sucedido aos Bombeiros de Pontevedra e voluntarios de Protección Civil da localidade.