A Festa do Salmón será pregoada polo crítico literario Armando Requeixo

Xunto a el, recibirán os Salmóns de Ouro a firma Hijos de Rivera, a Asociación Codeseda Viva e Luis Reimóndez, a título póstumo

Adriana Abelleiro e Juan Constenla, co cartel da festa. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Adriana Abelleiro e Juan Constenla, co cartel da festa. PATRI FIGUEIRAS

A 46ª Festa do Salmón da Estrada, que celebrará o seu día grande o próximo domingo 19, terá como pregoeiro ó crítico literario, investigador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Armando Requeixo. Nado en Mondoñedo en 1971, é tamén membro do Centro Ramón Piñeiro e da Asociación de Escritores en Lingua Galega. O docente mantén un fondo vencello co municipio da capital de Tabeirós, onde colabora como xurado dos seus premios literarios.

Para rematar a xornada sabatina, o músico Iván Ferreiro ofrecerá un concerto de balde

Requeixo lerá o seu pregón ás 12.00 horas no Teatro Principal, onde tamén lle será imposto un dos Salmóns de Ouro que entrega o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT). Outras tres insignias serán para Hijos de Rivera, compañía que adquire a maior parte da produción de mazá da Estrada; para a Asociación Codeseda Viva, polo seu traballo a prol da recuperación e promoción do Camiño dos Arrieiros pola localidade; e, a título póstumo, para Luis Reimóndez, presidente do CIT ata o seu falecemento, o pasado mes de decembro.

A cita gastronómica foi presentada este mércores polo concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e por Adriana Abelleiro, vicepresidenta da Asociación Hosteleiros da Estrada, colectivo que vai "sacar todo o potencial do salmón" para ofrecerllo, a través de distintas receitas, ós veciños e visitantes, segundo explicou o edil.

O programa da xornada dominical iniciarase coa apertura dunha exposición de bonsais, mostra que será de acceso público xa dende mañá, na Sala Abanca. A partires das 12.30 horas, Culturactiva representará o espectáculo culinario Sabor, na Praza do Mercado, onde tamén haberá un obradoiro de montaxe de moscas para a pesca do salmón. A actuación da Coral Polifónica Estradense ás 19.30 horas no Teatro Principal pechará a cita gastronómica.

Na véspera, o sábado 18, celebrarase dende as 9.00 horas o VI Raid Hípico, con comezo e remate na Praia Fluvial de Liñares. Ás 15.30 horas sairán da praza consistorial os que desexen participar nunha sesión de rafting polo Ulla e ás 16.30 horas comezará a Ruta do Salmón BTT, na zona deportiva. A Alameda acollerá xogos de malabares, trapecistas e circo de rúa de 17.00 a 20.30 horas e ás 18.00 horas, no Teatro Principal, celebrase o Festival Folclórico de Tequexetéldere, co grupo toledano Rosa del Azafrán como convidado. A formación Tamparrantán animará as rúas a partir das 20.30 horas, momento no que terá lugar o acto de descubrimento na praza consistorial da escultura en homenaxe ao peregrino realizada polo artista Cándido Pazos. Estará amenizado por Troula Animacións.

Para rematar a xornada sabatina, o músico Iván Ferreiro ofrecerá un concerto de balde ás 22.00 horas, a carón do Consistorio.

Comentarios