O Grove, Gondomar, A Guarda, Redondela e Poio acollerán unha mostra sobre a cultura galega na diáspora

Trátase dunha mostra itinerante percorrerá estas localidades pontevedresas entre setembro e decembro

Xosé Leal. JOSE LUIZ OUBIN
photo_camera Xosé Leal. JOSE LUIZ OUBIN

O Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes a presentación de GalizAmérica, unha mostra itinerante comisariada por Carmen Carreiro e por Ramón Nicolás sobre a evolución da lingua e a cultura galega na diáspora nos anos da ditadura.

O percorrido da mostra comezará na Sala das Conchas do concello do Grove, entre o 13 e o 27 de setembro, e continuará por Gondomar, no Centro de Estudos Miñoranos do 5 a 21 de outubro; no Centro Cultural da Guarda do 25 de outubro ao 10 de novembro; no Auditorio de Chapela, en Redondela, do 15 de novembro ao 2 de decembro, e finalizará en Poio, onde estará no Casal de Ferreirós do 5 ao 23 de decembro.

O deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal quixo presentar este proxecto como "unha homenaxe a todas esas persoas que loitaron polo mantemento da cultura galega" facendo especial mención a América "que naquel momento foi o facho na que prendeu a nosa lingua".

A mostra, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Buenos Aires e Montevideo.

Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión. O segundo apartado corresponde ao que denominou "a xenerosidade de América" e céntrase no nacemento dos centros galegos e a súa función, e a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora "que serían impensables aquí".

Como actividades complementarias, en cada concello terá lugar unha conferencia a cargo dunha persoa que investigase sobre o exilio e a diáspora, e en todos proxectarase 'A cicatriz branca' dirixida por Margarita Ledo, quen explicaba, durante a presentación, que "é unha película de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega".

A cineasta tamén será a encargada da conferencia que complementará a mostra ao seu paso por Poio.

No Grove a conferencia correrá a cargo de Rosario Portela, Ao redor do libro. Para unha historia da edición galega. Pilar Cagiao disertará en Gondomar sobre O galeguismo en Uruguai.

Na Guarda haberá dous micro conferencias de Mónica Rebolo 'Sempre en Galicia, a voz dos galegos no Río da Prata' e Phillip Duncan: 'Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elías no Exilio (1936-1958)' e en Redondela Uxío Breogán falará de 'O galeguismo no exilio americano. Da Irmandade galega ao Consello de Galiza.

Comentarios