O home dos goles importantes

O tanto de Álex González contra a Cultural Leonesa conduciu ao primeiro triunfo do Pontevedra nesta campaña ▶ O cántabro xa fora protagonista na primeira vitoria a domicilio do curso pasado, no último triunfo en 2017 e no partido da permanencia

Álex González celebra su gol contra la Cultural Leonesa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Álex González celebra o seu decisivo gol ante a Cultural Leonesa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Non hai un só xogador no Pontevedra que estea tan habituado a marcar goles sinalados como Álex González. O estremo esquerdo do Pontevedra Club de Fútbol volveu facer públicos os seus costumes co tanto que lle deu o primeiro triunfo da temporada ao seu equipo, contra a Cultural y Deportiva Leonesa.

O futbolista de Vernejo logrou o 2-1 en Pasarón no minuto 92 dun emocionante e sufrido encontro que o bloque da cidade do Lérez acabou vencendo coa diana dun dos seus futbolistas máis regulares das últimas tres temporadas.

Por casualidade ou providencia, ou se cadra por influenza das ciencias ocultas, Álex González converteuse no autor dalgúns dos goles máis importantes do Pontevedra nos últimos tempos. Case tódolos que transforma son relevantes. De feito, os que fai adoitan marcar fitos no percorrido da temporada.

É máis, dos oito goles que fixo González polo de agora, seis supuxeron puntos para a súa escadra. Curiosamente unha das excepcións á regra foi o primeiro que meteu, contra o Boiro, na temporada 2017-18. Supuxo o 3-0 dunha clara goleada (4-0).

Desde entón dosificou os seus acertos en datas sinaladas e momentos especiais.

Na campaña pasada fixo cinco tantos: todos menos un chegados en momentos trascendentais.

O que máis lembrarán os afeccionados granates foi o que lle fixo ao Atlético de Madrid B no último duelo do curso. González transformou o 0-1 do envite no Cerro del Espino –imaxe inferior–. Aquela vitoria, que se inaugurou dese xeito, abriu o camiño da permanencia do once granate. David Añón pechou o 0-2 no marcador naquela ocasión.

Álex González celebra su gol contra el Atlético de Madrid. ADG-MEDIA

Non moito tempo antes, Álex González tamén fora protagonista na meseta. O Pontevedra levaba seis meses sen vencer fóra da casa e estaba coa auga ao pescozo na loita pola permanencia. O 8 de abril viaxou a Navalcarnero para enfrontarse a unha escadra que aspiraba a meterse nos catro primeiros postos. Nunha das súas cabalgadas, o estremo granate abriu o marcador daquel encontro, no minuto 33 do partido –imaxe inferior–.

Álex González celebra su gol contra el Navalcarnero

Aquela vitoria puña fin a máis de medio ano de seca a domicilio que principiou o 1 de outubro de 2017, cando o bloque granate, aínda dirixido por Luisito, gañou na Malata. No minuto 56 da segunda parte, Álex González bateu a Mackay. Era o 0-1 dun envite que rematou 1-2 e que supuxo os primeiros tres puntos como visitante do PCF na Liga 2017-18.

Tres semanas despois, o Coruxo chegaba a Pasarón. Tras darlle un repaso soberano aos pontevedreses durante 70 minutos e dominar o resultado por 0-1, os vigueses víronse igualados no treito final. O autor do 1-1 tamén foi Álex González –imaxe inferior–. Despois Añón marcou de penalti e o PCF venceu. Aquela sería a última vitoria do Pontevedra no ano 2017 e a última con Luisito no banco de Pasarón.

Álex González celebra su gol contra el Coruxo. DAVID FREIRE

Na temporada anterior, Álex só fixo dous tantos. Un contra o Boiro e outro contra o Burgos. Ante os burgaleses non só supuxo o 1-1 no marcador e o inicio da remonta: tamén foi o fin da xeira máis longa sen facer diana que se lembra no Pontevedra. González puxo fin a seis partidos sen ver porta do PCF.

Comentarios