Unha homenaxe chuviosa a Bóveda no Día da Galiza Mártir

► Referente do galeguismo e símbolo do tempo da represión fascista, Alexandre Bóveda foi fusilado hai 84 anos na Caeira

► A fundación que leva o seu nome, a súa familia e os concellos de Poio e Pontevedra rendéronlle onte tributo nun Día da Galiza Mártir mermado pola chuvia

2020081812225177155
photo_camera Familia de Alexandre Bóveda xunto aos alcaldes de Pontevedra e Poio. GONZALO GARCÍA

Castelao retratou a matanza fascista nas estampas de Galicia Mártir, acompañadas de pequenas frases a modo de reflexión. "Non enterran cadáveres, enterran semente", deixou escrito. Entre os asasinados naqueles anos estaba o seu compañeiro Alexandre Bóveda, a quen tamén retratrou na ilustración "A derradeira lección do mestre". O político fundador do Partido Galeguista, que participara na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, converteuse nesa semente simbólica despois de ser fusilado na Caeira a madrugada do 17 de agosto de 1936. Onte cumpríanse 84 anos do seu asasinato a mans dos golpistas.

Castelao: "Non enterran cadáveres, enterran semente"

Como é habitual todos os anos, a Fundación Alexandre Bóveda preparou unha homenaxe no monolito da Caeira que recorda o punto no que se produciu o crime tras un consello de guerra. Porén, o acto, no que participaban tamén os alcaldes de Poio e Pontevedra, tivo que limitarse a unha ofrenda floral por mor da chuvia. No mesmo participou a filla máis nova do homenaxeado, Amalia Bóveda, que non nacera no momento no que seu pai foi condeado a morte.

Meteoroloxía. A chuvia obrigou a aprazar a homenaxe na Caeira, así como o acto do BNG na Praza de Curros Enríquez na memoria do político e intelectual galeguista

O Bloque Nacionalista Galego tamén tivo que suspender o evento previsto para a Praza de Curros Enríquez, onde normalmente se dá cita o nacionalismo galego para honrar a Bóveda no Día da Galiza Mártir. Neste sentido, a pesar de que o acto fora cancelado polo estado do ceo, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, pediu que a data do 17 de agosto se institucionalice para honrar a memoria de Bóveda e os demócratas do seu tempo. "Necesitamos recuperar esa memoria histórica para que non se reproduzan erros do pasado", explicou referíndose ao momento actual, de auxe da extrema dereita: "non podemos permitir que a historia se repita".

Efemérede. A líder do BNG, Ana Pontón, reclamou a institucionalización do Día da Galiza Mártir por parte da Xunta para honrar a memoria dos represaliados

No mesmo sentido, dende o BNG reclamaron onte "a rehabilitación da figura de Alexandre Bóveda, a anulación da sentencia que o condenou á morte e todas as sentenzas ditadas na ditadura contra cidadáns galegas por motivos políticos, ideolóxicos, raza, identidade e diversidade sexual", en palabras da voceira nacional.

Pontón tamén recordou que o legado de Bóveda continúa vivo e que a súa vitoria "é a existencia dun forte movemento nacionalista galego", como constataron as últimas eleccións celebradas en Galicia.

Ofrendas. A formación política Anova realizou unha ofrenda floral no panteón familiar de San Amaro no que descansa con Amalia Álvarez

Outros partidos nacionalistas sumáronse ás homenaxes ao político fundador do Partido Galeguista e redactor do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936. Deste xeito, Anova realizou a súa propia ofrenda floral no panteón familiar de Alexandre Bóveda e a súa viuva, Amalia Álvarez. "Alexandre Bóveda deixou semente de vencer para quen quere unha Galicia mellor", explica a formación.

Pola tarde, a familia celebrou unha misa en San Amaro e unha ofrenda no panteón familiar.

A promesa do galeguismo dos anos 30
Nacido en Ourense en 1903, Alexandre Bóveda non chegou a Pontevedra ata os 23 anos, cando é destinado como funcionario do Ministerio de Facenda.

Durante a súa estancia na cidade, mestúrase co ambiente intelectual da época, participando en tertulias con personaxes como Castelao, co que establece unha relación persoal. Casa neses anos con Amalia Álvarez, á que coñece na Coral Polifónica de Pontevedra e ten cinco fillos con ela. A última, Amalia Bóveda, non chegou a coñecela xa que foi fusilado cando a súa muller estaba embarazada.

Foi moi activo no mundo da política e pronunciouse como defensor dos intereses de Galicia sendo así fundador do Partido Galeguista. Ademais, tamén participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e foi candidato pola Fronte Popular nas eleccións de febreiro dese mesmo ano. En agosto foi asasinado.

As Estampas do tributo a Bóveda

RAFA Capela de San Mauro e cemiterio. Misa na honra de Alexandre Bóveda e flores no panteón familiar. RAFA Capela de San Mauro e cemiterio. Misa na honra de Alexandre Bóveda e flores no panteón familiar. 2020081812225170200
Misa en San Amaro Flores no Panteón Recoñecemento de Anova

Pola tarde, os actos trasladáronse ao cemiterio de San Amaro, onde se celebrou unha misa para a familia, como é habitual todos os anos. Tras a misa, os participantes desprazáronse ao panteón onde decansan os restos de Bóveda e Amalia Álvarez para facer entrega dunha ofrenda floral.

A formación nacionalista Anova  fixo entrega onte dun ramo cunha bandeira de Galicia como xesto de recoñecemento e homenaxe a Bóveda no panteón de San Amaro.

Comentarios