A Festa do Albariño, declarada de Interese Turístico Internacional

Trátase da quinta festa da provincia que adquire este recoñecemento

Asistentes a unha edición anterior da Festa do Albariño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Asistentes á última edición da Festa do Albariño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Festa do Albariño de Cambados foi declarada este martes de Interese Turístico Internacional, segundo comunicou a Secretaría de Estado de Turismo do Goberno.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva mostrouse "moi satisfeita por un logro máis que merecido polo que tanto loitamos todos e todas na provincia" e felicitou á alcaldesa da vila, Fátima Abal, e ao sector "xa que este é un recoñecemento compartido tamén con aqueles que invisten en calidade, excelencia e internacionalización dos nosos caldos".

"A Denominación de Orixe Rías Baixas é unha marca de referencia internacional", dixo a presidenta provincial, "porque detrás hai un traballo do sector e das administracións que apostamos polo enoturismo e pola Festa do Albariño de forma decidida".

Silva puxo en valor "o esforzo" do goberno municipal de Cambados por lograr esta distinción e tamén todo o traballo e a promoción que supuxo o título de Cidade Europea do Viño. "Fixemos en colaboración co Concello unha difusión enorme do viño de Cambados e das súas adegas, cun importante calendario de actividades que estiveron presentes en todos aqueles actos de turismo que organizamos en España e Portugal. Todo ese traballo ten agora o seu froito", apuntou.

Trátase da quinta festa da provincia que adquire este recoñecemento, tras a Rapa das Bestas de Sabucedo, a Romaría Viquinga de Catoira, as alfombras florais de Ponteareas e a Arribada de Baiona.

Comentarios