Luisito: "Se me vexo voltando ao Pontevedra? É un dos clubes aos que me é difícil dicirlle que non"

Hai case cinco anos, o Pontevedra voltaba á Segunda B da man de Luisito. O adestrador logrou un ascenso redifundido este sábado poa TVG e logo fixo soñar á Boa Vila cun ascenso a Segunda. Finalmente, en decembro de 2017 foi cesado, poñendo fin a un etapa con moitas luces e algunha sombra que agora, recén saído do Dépor, repasa
Luisito. DAVID FREIRE
photo_camera Luisito. DAVID FREIRE

CANDO ESTÁN a piques de cumprirse cinco anos, a TVG fixo que onte os afeccionados granates voltasen revivir o derradeiro ascenso do Pontevedra redifundido o partido contra o Haro. Naquel encontro, o adestrador era Luisito (Teo, 1966), que vén de saír do Deportivo hai escasos días. Agora, repasa con Diario de Pontevedra a súa traxectoria tanto no club herculino como en Pasarón.

Como se atopa? Pasouno mal nesta pandemia.
Paseino moi mal. Tiven moito medo por contaxiar a mamá e aínda sigo con el. E despois o percance que tivemos o 28 de marzo ao morrer a miña sogra… non llo desexo nin ao peor enimigo.Para min foi un momento durísimo. Quero esquecelo canto antes, pero é complicado, porque a muller e os rapaces lévano bastante mal. Tristemente, tivo un enterro que ela non merecía.

Entendo que de fútbol, pouco nestes meses.
Sinceramente, non. É certo que eu sempre estou pendiente de ver partidos e vídeos e así fi xen. Pero o que menos me importaba era o ámbito deportivo. Teño moitísima debilidade pola xente maior, que se matou para que os xóvenes viviramos moito mellor. E que morreran nas condicións que morreron, que haxa familias que aínda non teñen as cinzas dos seus seres queridos… a min faime chorar. Párteme a alma. Esa xente non merecía morrer así. Isto foi incontrolable, pero sempre dixen que a maior homenaxe que podíamos facerlle á xente maior era quedar na casa. Leveino a ‘rajatabla’ e cando vexo moita xente que non o fai, sufro.

Hai uns días, o Dépor anunciou que non seguía. Marcha cun sabor agridoce?
Evidentemente, si. Quedoume o traballo a medio facer. Pero nunca saiu de min unha mala palabra de todos os equipos de onde marchei. E iso non vai pasar co Deportivo tampouco. A mín leváronme Tino Fernández e Carmelo Del Pozo e estareilles eternamente agradecido. Tiñan una fe cega en min, pero entendo perfectamente que agora veña outra directiva e busque á súa xente. Teño que darlle grazas porque a min non me cesaron. Cesaron a todos os que fichou Carmelo menos a min. Eu ía aguantar ata o final. É que creo que o traballo foi impecable. Foi a primeira vez que non prioricei nunca os resultados. Son un gañador nato, pero nunca lle din tan pouca importancia ás derrotas. Perdía e sabía que era un rol que tiñamos que asumir Roberto Valdés e eu dentro do proceso de formación dos rapaces. Tiñamos un equipo súper xoven ao que daba gusto ver xogar. Pero claro, perdías partidos por erros de xuventude. Custoume estar máis arriba na clasificación, pero non importou. Desde o principio, dixéronme que a prioridade absoluta era preparar aos futbolistas para o primeiro equipo. Diso estou moi satisfeito, porque conmigo debutaron cinco xogadores arriba. Para un adestrador dun filial é un éxito rotundo. E despois recuperei a un futbolista que estaba ‘tirado’, que é Mujaid. Non cambio iso por un ascenso co Fabril.

Da etapa do Dépor estou moi satisfeito. A prioridade era preparar aos xogadores para o primero equipo

Custoulle moito cambiar a mentalidade de adestrador?
Non. Tiña moitas gañas de adestrar a un filial. Moita xente pensaba que non tiña ese perfil, pero eu sabía que valía. Son súper cercano ao futbolista, moi adestrador de campo. O xogador é vago por natureza. Se lle pos vídeos, aos dez minutos xa non che fan nin puñetero caso. Só poño vídeos para amosar erros moi grandes. O traslado todo ao campo.

Estivo preto do primeiro equipo do Dépor?
A min non me gusta andar falando do que puido ser e non foi. Pero se me fas esa pregunta... digo que si. Non é que o tivese preto, é que o tiven moi moi preto. Tíveno sempre moi calado: tiña todo arranxado. Pero agora mesmo a realidade é outra, porque hai outra directiva. E non lle vou dar máis voltas.

É dicir, de seguires no club Tino Fernández e Del Pozo, Luisito sería agora adestrador do Deportivo.
Si, posiblemente. Teñoo claro.

Onte [por este sábado] a TVG redifundiu o Pontevedra-Haro. Supoño que lle virían moitas lembranzas. Co ascenso, disfrutou ou sentiu máis alivio?
Foi o play-off que máis sufrín. Foi unha tempada difícil, pero ascender cun equipo que ti tiñas marcado e no que impactaches moito coa xente (sei que son moi querido aí)… Van facer cinco anos, pero para min é como se fose onte. Foi a maior felicidade que tiven en moitísimo tempo. Sobre todo por como foi ese play-off. Dábanse todas as circunstancias para non ascender, pero todos loitamos como campións.

Se no Dépor me quedou o traballo a medio facer, no Pontevedra máis. Sempre pensei que chegaría a Segunda con e

Como custou aquel encontro...
Estabamos a facer un mal partido. Iluminóuseme un foco á media hora. Díxenlle a Pepe (Rico): ‘vou cambiar todo’. Saiu perfecto o que fixemos no descanso. Kevin non podía contra o centro do campo, liberamos moitísimo máis a Jacobo e con Muñiz xogamos moitísimo mellor. Conseguimos un merecido ascenso, porque o resultado da ida fora totalmente inxusto. Estábanos pasando en todas as eliminatorias. Pero ao final tivemos ese puntiño de sorte contra o Haro, porque lémbrome que con 1-0 Edu fixo un paradón espectacular. Ao final gañamos 3-0. É que ver Pasarón así… teñoo sempre na memoria. No consello de administración pelexaban como ‘cabróns’ para subir ao Pontevedra. A felicidade que vin na presidenta, en Roberto Feáns, no consello, na afección… non hai cartos que a paguen. Teñoo moi gravado. Por que? Porque o Pontevedra é como o meu irmán maior. Aí fun súper feliz.

Había moita presión por subir?
Sempre digo que non entendo a presión no fútbol. Presión téñena os que na carteira non teñen nin cinco céntimos para comprar un saco de patacas para os fillos. Iso é realmente ter presión. Eu trato de liberar aos futbolistas. Que pasa? Que son tan esixente conmigo mesmo que me autopresiono. Tña presión porque quería ascender. A presidenta e o resto do consello fixeron e están a facer un esforzo tremendo para facer un PCF mellor. E o primeiro paso era ascender. Sufriuse moitísimo, pero ao final soubo aínda mellor por iso.

Di que conectou coa afección. Onde estivo a chave para iso?
Porque eu sei perfectamente que tipo de fútbol lle gusta. Pasoume en cada club no que estiven. O adestrador non pode ser de ‘piñón fijo’ e ten que adaptarse aos futbolistas e ao que demanda a xente. No Cidade, no Ourense e no Pontevedra xoguei diferente. Se me preguntas cal é o equipo que máis me gustaba, pois foi o que moldeamos Roberto Feáns, a presidenta e máis eu coas fichaxes e co que xogamos play-off a Segunda.

Foi o equipo que máis se reflexou no seu gusto persoal e no de Pasarón?
Ese equipo podía iniciar en curto pero tamén era capaz de golpear en longo sobre Barco, que se quedaba cos balóns. En banda había xogadores como Añón, Álex González… Futbolistas como Kevin, Trigo, Loureiro… Era un equipo con moitos rexistros. A min no me gusta o ‘sota-cabalo-rei’. Gústame facer moita mobilidade ofensiva e ter varios sistemas. E ese futbolistas adaptábanse á perfección. Por iso ese é o equipo que máis me gustaba e, sobre todo, que máis lle gustaba á afección granate.

O meu principal erro foi quererlle ao Pontevedra como se fose algo meu. Fun moi esixente con Lupe e Feán

Pero custáballe falar do play-off.
Semella que non, pero son un tío súper reflexivo e miro sempre no que me equivoco. Eu en Pontevedra cometín moitos erros. Graves non: moi graves. E sei que non os vou volver a cometer en ningún club. Cal foi o meu principal erro? Quererlle ao Pontevedra como se fose algo meu. Metinme a defender cousas que eu non tiña porqué. Enfreteime a moitos xornalistas que non tiña porqué. O día que marchei, o mínimo como persona era pedirlles perdón. Agora, co tempo, sei que fun moi esixente con Lupe e con Roberto Feáns. Dáballe importancia a cousas que agora vexo que non son tan importantes. Por exemplo, co tema dos campos: sometíaos a unha presión tremenda. Evidentemente tes que ter un mínimo de condicións, pero non é para tanto. Isto nunca llo comentei a eles, pero penso así. Posiblemente esa esixencia levounos a ascender e a xogar un play-off a Segunda cun equipo non tan potente economicamente. Pero tamén me fixo cometer moitos erros. O Pontevedra foi o club que me deu a lección máis grande da miña vida.

Pero, por que?
Porque cando estás nun club, tes que saber o que che pode dar. O Pontevedra deume todo o que tiña e eu seguía sendo súper esixente. E logo, queríalle tanto… Ti cando queres ao teu irmán non permites que ninguén se meta con el. Pois iso é o que me pasaba. Para min, meterse con alguén relacionado co Pontevedra era meterse conmigo. E salía como unha ‘fiera’. Para iso hai determinadas persoas que son as que teñen que saír, que se matan polo club e que están moito máis cualificadas ca min. Eu tiña que dedicarme ao meu. Penso que puiden chegar moi lexos co Pontevedra. Se me dis que na Coruña me quedou o traballo a medio facer… en Pontevedra si que me quedou a medio facer. Porque eu sempre pensei que ía chegar ao fútbol profesional co Pontevedra.

Que fallou ese derradeiro ano?
Moitas cousas. O equipo non arrincaba e a culpa era miña. Logo, se eu non quixera tanto ao Pontevedra non tería presentado aquela dimisión. Todos saben que cando marchei e renunciei a todos os cartos. Foi algo que non fixen en ningún club. Aquela tempada atravesouse. Eu cometín moitos erros: presentei a dimisión e logo seguín... Saín en defensa da presidenta, de Roberto e do consello porque eu son así. Que pasa? Unha cousa é sair en defensa e outra facer o que eu fixen. Para que te respecten, primeiro debes respectar. Que sexas un tipo de carácter, vale. Pero non podes enfrentarte así á xente. E eu fíxeno, sobre todo con moitos xornalistas. Se ti me fas unha crítica e eu non a acepto, teño un problema. Eu non vía crítica cara min, senón cara o Pontevedra.

Ver Pasarón como o día do ascenso contra o Haro e esa felicidade non hai cartos que o paguen. Teñoo na memoria sempre

Vese nun futuro voltando?
Evidentemente, o Pontevedra é un equipo ao que me custaría moito dicirlle que non. Hai dos clubes que todos saben cales son (o Compos e o PCF) aos que me custaría dicirlles que non. É que nos sitios onde fuches feliz é complicado negarte se te chaman. Pero disto prefiro non falar máis porque é faltarlle ao respecto a outro adestrador que está aí. Se se dá, darase. Xa se verá.

Cara onde vai o futuro de Luisito?
No verán tiven unha oferta dun equipo portugués de primeira que solucionaba parte da vida dos meus fillos. Pero eu teño a vida hipotecada por miña nai e a familia está súper orgullosa da decisión. Estando no Pontevedra, tiven dúas ofertas de equipos de Segunda e renunciei por seguir aí. Procedo dunha familia humilde. Os cartos axudan, pero prefiro estar rodeado dos meus. Pásame exactamente igual á hora de adestrar. Non vou só a ir a un equipo para cobrar a final de mes. Quero un proxecto con ambición, non un lugar con cartos. Busco durmir todos os días por ter a conciencia tranquila. Son así e xa non cambiarei.

Comentarios