"Máis de 600 empresas utilizan o asesoramento gratuíto de Igape"

Fernando Guldrís, director do Igape, explica que o obxectivo do programa de consultoría en rede que activou a Xunta é que comercios, pemes e autónomos salven a súa "viabilidade" en plena pandemia
Fernando Guldrís. EP
photo_camera Fernando Guldrís. EP

Cantas empresas se levan beneficiado do programa Igape Responde?
Polo momento, máis de 600 son usuarias do programa da Xunta, que é totalmente novidoso. Para recibir este asesoramento, só hai que acceder á web responde.igape. es e cubrir o apartado de solicitar. A partir de aí, recibirán a chamada dun profesional que lles axudará.

Que tipo de consultas atende o servizo?
Todos os servizos son de balde? Igape Responde ofrece asesoramento, totalmente gratuíto, a comerciantes, pemes e autónomos en cinco ámbitos diferentes: de negocio, financeiro, operacións, persoas e en ámbito xeral. As principais consultas están centradas en medir o impacto da covid-19 e na reorientación dos negocios. Tamén chegan dúbidas sobre os Erte e sobre como se deben adaptar os establecementos ás esixencias que marca o novo contexto socioeconómico.

Que problemáticas son as que máis preocupan a autónomos e pemes?
Destacaría a necesidade de seguir xerando ingresos e, polo tanto, a importancia de saber adaptarse á situación actual onde, por exemplo, ten maior transcendencia contar coa capacidade precisa para prestar os seus servizos en liña. Tamén detectamos a especial importancia que os negocios lle prestan a que os seus clientes gañen en confianza, así como captar outros novos e incluso mellorar a motivación dos seus equipos.

Perciben que a crise sanitaria colleu a moitas empresas cos deberes sen facer en xestión de redes sociais, vendas online ou co teletraballo?
A presenza na rede é moi diferente segundo o tipo de empresa. En calquera caso, a través do ámbito de ‘negocio’ do programa estamos axudando a empresas e autónomos a mellorar a súa visibilidade e promoción en liña. Facémolo a través da elaboración de contidos dixitais, do deseño e lanzamento de campañas con condicións comerciais novas, como descontos ou lotes, ou coa incorporación de produtos a plataformas e-commerce. E por suposto, reprogramando os contidos para adaptalos á situación actual.

"Axudamos ás empresas usuarios a reinventar a súa actividade e a posicionarse com negocios seguros"

Cal é o perfil dos técnicos?
Son profesionais cunha ampla experiencia laboral nestes cinco ámbitos nos que ofrecemos apoio de balde e que se suman ao equipo do Igape Responde. Concretamente, máis de 60 expertos forman parte do equipo técnico do Igape. Todos eles levan tempo dedicados ao asesoramento de pemes e de autónomos.

Que tipo de asesoramento financeiro brindan?
Contamos cunha ferramenta de replanificación das débedas comerciais, con accións que permiten xerar liquidez; e en segundo lugar, a posibilidade de planificar as obrigas fiscais para atender os pagos ante a Axencia Tributaria. Por outra parte, incluímos unha medida de busca de financiamento e avais e hai unha cuarta medida encamiñada á xestión de cobro e liquidez de accións comerciais.

Que sectores perciben que se tiveron que endebedar máis coa crise?
A economía galega en xeral está demostrando un mellor comportamento que a media estatal. Os principais parámetros, coma o PIB, o emprego ou as exportacións, así o indican. Pero iso non implica que nos relaxemos. É necesario seguir nesta liña de acompañamento do noso tecido empresarial, especialmente de pemes, microempresas e autónomos. Contamos con sectores industriais que amosan un comportamento máis positivo, como as TIC ou o agroalimentario, pero é certo que hai outros con máis dificultades polas características da pandemia e polas necesarias medidas sanitarias que se tiveron que adoptar para velar pola saúde. Así, entre os sectores afectados están a hostalería e o comercio. Estamos axudando aos usuarios a reinventar a súa actividade e a posicionarse como negocios seguros. Sempre pode haber unha saída para identificar novas fontes de ingresos ou establecer novos acordos de colaboración comerciais, loxísticos ou operativos para que o negocio teña continuidade.

Todo o servizo de consultoría do programa se presta online?
Así é. De feito, tamén estamos apoiando a moitos autónomos na creación de video-titoriais para que manteñan o seu servizo a clientes.

Nalgunha medida, este servizo cobre un papel que debera xogar a CEG?
Igape Responde é un complemento doutros servizos xa existentes. Este programa é algo totalmente novo, nace para dar resposta á situación insólita que vivimos. Queremos axudar a manter a viabilidade dos negocios galegos. Desde a Xunta temos claro que a recuperación debe vir do traballo en equipo, do esforzo e o compromiso colectivo de todos os axentes sociais e económicos. Por iso, avogamos desde o primeiro momento pola colaboración público-privada.

Comentarios