Manuel Torres, máis protagonista que nunca na súa terra e en Galicia

O ano 2020 estará adicado a un dos maiores artistas marinenses para conmemorar o 25 aniversario do seu falecemento
Familiares de Manuel Torres, María Ramallo, Antón Sobral, Itziar Álvarez e Beatriz Rodríguez. A.P.
photo_camera Familiares de Manuel Torres, María Ramallo, Antón Sobral, Itziar Álvarez e Beatriz Rodríguez. A.P.

O cambio de década chega pisando forte á localidade marinense no ámbito cultural. O 2020 será un ano especial para Marín, xa que se fará honra a Manuel Torres. Durante os próximos meses, baixo a denominación Ano Torres 2020, o Concello de Marín conmemorará o 25 aniversario do artista, un embaixador da cultura pictórica e escultórica da vila marinense, ademais de ser protagonista do museo local que leva o seu nome. Este ano non só terá especial relevancia no panorama local, se non tamén no galego, xa que se postula no eido autonómico como un dos grandes pintores da comunidade.

Esta iniciativa cultural presentouse este mércores no Museo que luce o nome do pintor. A alcaldesa, María Ramallo, e o artista marinense Antón Sobral foron os encargados de presentar o Ano Torres, no que se incluirán diversas actividades relacionadas coa figura de Manuel Torres, intentado dirixilas tanto a un público infantil e xuvenil como adulto. Durante o acto tamén estiveron presentes as concelleiras de cultura Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez, así como tres xeracións da familia do artista.

"Con esta iniciativa queremos que a xente poda coñecer e recoñecer a pintura de Manuel Torres", anotou María Ramallo, que destacou que "o mes de maio vai a ser clave", xa que será cando se cumpran os 25 anos do falecemento do artista.

Pola súa parte, Antón Sobral, pintor marinense e parte fundamental nesta iniciativa, recalcou que "o 2020 será o comezo, pero non haberá final, xa que se vai a seguir traballando na difusión da súa obra os anos seguintes". Sobral tamén explicou que a exposición "vai a ser unha cousa viva. Vamos a atopar pezas distintas e exposicións temáticas según as técnicas de Torres. É un feito moi importante á hora de xogar coa difusión do artista". Ademais dentro deste proxecto, "vamos a intentar mover a obra de Torres noutros ámbitos e lugares".

Unha das primeiras iniciativas en torno ao Ano Torres será a reorganización da colección permanente que foi doada polo pintor ao Museo (composta por 77 obras). A día de hoxe, as obras repártense expostas entre as diferentes salas das instalacións. O recibidor acolle oito das obras máis cubistas do autor, mentres que na sala de Torres e a Muller ensálzanse aqueles cadros nos que a presenza feminina é protagonista. No corredor expóñense as pinturas con temática mariñeira e de pesca. Os gravados e os debuxos están na sala 3. Por outra parte, as salas 2, 4 e 5, que acollen mostras doutros célebres artistas, convivirán coa colección permanente de Manuel Torres.

centros. Un dos obxectivos do Ano Torres é que se involucren os centros educativos do municipio. Desta forma, o Concello ten pensado distribuir polos centros educativos o caderno Pinta con... Esta iniciativa xa se levou adiante o pasado ano cando se lle adicou a Ánxeles Iglesias. Nesta ocasión estará protagonizada por Manuel Torres, co fin de achegarlles aos máis novos a obra deste artista.

Por outra banda, o Concello tamén ten a intención de que a veciñanza coñeza en profundidade cal foi a pegada do artista nas rúas e prazas da vila. Por iso, estanse a deseñar unha serie de roteiros turísticos pola localidade, cuxo percorrido incluirá todos estes puntos de interese. Un guía será o encargado de ir explicando a vida e obra de Torres en función dos enclaves da ruta.


Antón Sobral, pintor marinense
"Manuel Torres é un dos grandes artistas que temos na nosa comunidade"

Antón Sobral, pintor marinense. ADP

Xunto con Basilisa Fiestras e Antón Castro, Sobral está desenvolvendo un papel fundamental no proxecto do Ano Torres, tanto por o coñecemento da figura do autor como da súa obra.

Como describiría a obra de Manuel Torres?
Manuel Torres xunto con outros artistas formou parte dunha xeración moi importante, a dos renovadores. Fixeron duas cousas moi importantes: facer unha pintura moi boa e tamén unha pintura ligada a Galicia. Sempre discutimos se existe a pintura galega ou non. Antón Castro fixo esta distinción e de todos os momentos importantes da pintura galega destacou a Manuel Torres como un dos grandes desta renovación. Torres é un dos grandes artistas que temos.

E a él? Como o describiría?
Foi un home moi prolífico, pintou moitos cadros. O importante del é a autenticidade. Viviu a pintura. Tamén ensinou en Santa Cecilia gratuitamente. Fixo un pouco de todo e eso é moi importante.

Teñen algo en común os pintores marinenses?
É dificil iso. Hoxe en día non sabes si unha obra é dun alemán ou dun xaponés. A arte oriental ou occidental non se distingue. É moi difícil sacar as diferenzas actualmente. A arte é algo internacional e de todo o mundo, sin orixe.

Comentarios