Un photocall con bolas de Nadal xigantes e unha árbore de seis metros no Mercado de Abastos

Yoya Blanco agarda que o novo ‘attrezzo’ quedará instalado este venres
Prototipo de photocall
photo_camera Prototipo de photocall

Un photocall con bolas de Nadal xigantes e unha árbore de seis metros de altura poranlle a guinda á decoración que a plataforma #PonteLovers, a través da Concellería de Promoción Económica, está despregar no Mercado de Abastos de Pontevedra. "Estes elementos de ‘attrezzo’ quedarán instalados nos accesos ás instalacións da rúa Serra este venres 4 de decembro para que tódol@s pontevedreses/as poidan sacar as súas fotos de Nadal e, de paso, queden a facer as súas compras na Praza municipal", explicou a edil socialista Yoya Blanco, convencida de que "vai encantar, porque é impresionante”.

A decoración de Nadal do Mercado é o resultado da colaboración do Concello con tres empresas especializadas: Global Setup, Inbloom e Oroinciensoymirra. A intervención inclúe a ornamentación das columnas, a colocación de grilandas sobre estrutura de aceiro ao longo de tódolos postos de peixe (uns 14 metros), a instalación de bolas de espello de diferentes tamaños e a súa iluminación con 24 proxectores de luz Led. Asemade, vanse instalar, colgando do teito do mercado, esferas de Nadal metalizadas de cor vermella.

“Entre mañá e o venres, como colofón destes traballos decorativos tan incribles, quedarán colocados tamén unha árbore de Nadal de seis metros de altura con decoración personalizada e un photocall xigante composto por dúas bolas de Nadal en PVC en cor vermella (unha bola de dous metros de diámetro e outra de 1,5). As bolas irán rotuladas co logotipo de O Mercado”, precisou Yoya Blanco.

Yoya Blanco, Ponte Xogos TV. DPSHOWCOOKING. Como antesala da programación online que se despregará no marco do programa Ponte Xogos 2020, a Concellería de Promoción Económica está a desenvolver accións de promoción a pe de rúa, esencialmente a través da canle de televisión creada a tal efecto e bautizada como Ponte Xogos TV. A concelleira Yoya Blanco achegouse este mércores pola mañá ata a Praza de España para supervisar a montaxe dun foodtruck no que se está a levar a cabo un showcooking de elaboración de doces (magdalenas de plátano con chips de chocolate, galletas sen glute e brownies de doce de leite) e que se incluirá dentro do vídeo promocional do proxecto.

“Ademais de entrevistas á cidadanía a pe de rúa, achegaremos aos establecementos que estean interesado en participar unhas pegatinas cun código QR que enlazará coas redes sociais do programa. En breve presentaremos esta e outras iniciativas que se desenvolverán dentro dun programa Ponte Xogos que, pese ás circunstancias, non vai defraudar a ninguén”, afirmou Blanco.

Comentarios