A plataforma online 'Merca Lalín' rexistra as súas primeiras compras

Un total de 90 negocios se adheriron á iniciativa
Una calle de del centro urbano de Lalín. DP
photo_camera Una calle de del centro urbano de Lalín. DP

A plataforma de comercio online municipal e gratuíta Merca Lalín, que se puxo en funcionamento a comezos de outubro, xa rexistrou as súas primeiras compras de produtos variados .

Así o destaca a concelleira de Comercio e Promoción Económica, Karen Fernández, que fai fincapé "en que as cifras actualizadas nesta terceira semana de actividade arroxan un balance positivo en tanto que son 1.800 os produtos dispoñibles no portal, procedentes de 90 negocios adheridos á plataforma". "Ademais cómpre sinalar que en redes sociais Merca Lalín conta xa con 500 seguidores en Facebook e uns 300 seguidores en Instagram e medrando paulatinamente", indica.

CÓDIGO QR. Karen Fernández subliña que "nestes días estamos a implementar melloras na plataforma de xeito que os negocios con páxina web poidan contar cun enlace directo á páxina de Merca Lalín co seu Facebook ou co seu Instagram, co que incrementarán o seu posicionamento web e as posibilidades de venda". "Outras das melloras que se están a introducir na plataforma é que os negocios poidan engadir enlaces a calquera documento relevante, como poden ser as cartas e os menús dos restaurantes e tamén os negocios poden xerar un código QR da súa páxina en Merca Lalín", puntualiza.

"Deste xeito, convértese na única plataforma a nivel local que dispón desta ferramenta", incide. "A estas melloras na plataforma tamén se suman as melloras na difusión de xeito que cada semana presentamos a través das redes sociais de Merca Lalín dous negocios", precisa.

A responsable de Comercio tamén remarca outra optimización desta plataforma municipal online que prestamos de xeito gratuíto ao abeiro do Plan Lalín Por Vir e no marco da Estratexia DUSI que dirixe a tenente de alcalde, Paz Pérez, que consiste en que "nas próximas semanas repartiremos entre os establecemento rexistrados en Merca Lalín uns carteis publicitarios personalizados para cada negocio que poderán poñer no seu escaparate e que incluirá un código QR para que aínda que o negocio estea pechado nese momento os viandantes poidan acceder ao catálogo do negocio en Merca Lalín". 

Comentarios