Imprimir

Poio atalla o problema das caravanas con máis espazo e límites de tempo

Redacción | 14 de agosto de 2020

As autocaravanas estacionadas en liña nos espazos habilitados para iso.  J.CERVERA-MERCADILLO
As autocaravanas estacionadas en liña nos espazos habilitados para iso. J.CERVERA-MERCADILLO
O Concello reforzará o control para evitar que haxa demasiados vehículos estacionados na zona e habilita o campo de billarda para acoller algúns máis por períodos de 24 horas

Máis espazo para as autocaravanas que poden estacionar no recinto habilitado para elas en A Seca e tamén máis normas, como un límite de tempo (24 horas) para as que ocupen as prazas de urxencia creadas esta mesma semana en vista do cheo que está a rexistrar este ano ese recinto.

O Concello de Poio anunciou xoves cambios inminentes na relación cos autocaravanistas tras unha semana na que se fixeron ouvir as queixas de quen atopa que se están cometendo excesos na chaira da Seca e tras comprobar que este sector está a ser, literalmente, unha das táboas de salvación da tempada para os negocios vinculados ao turismo.

De feito, o propio Concello recoñece, no comunicado das novas normas que ante a situación provocada pola pandemia da Covid-19, son moitos os e as visitantes que este verán optan pola fórmula das autocaravanas para gozar das súas vacacións.

Este auxe, sumado á boa fama do recinto poiense e as vistas que se gozan desde esa contorna, levaron a situacións de sobreocupación. á decena de prazas existentes sumáronse outras caravanas que aparcan en batería na contorna máis próxima, ben á espera de que as que ocupan as prazas esgoten o seu tempo de estancia, ben para facer noite aínda sen estar no espazo habilitado. O Concello non pode prohibir os aparcadoiros, pero si pode regular o uso das prazas específicas e á súa vez vixiar que quen estacionan cumpran coas normas do autocaravaning (non sacar os banzos nin extensións, que suporían que se está acampando e non aparcado).

O Plan de Actuación do Concello de Poio entrará en vigor venres e estará vixente ata o próximo día 31 de agosto. Durante este tempo, restrinxirase a entrada de autocaravanas á área de servizo, que quedará limitado ás dez prazas habituais coas que conta este espazo durante todo o ano e que permiten unha estancia máxima de 72 horas. Ademais, a edil nacionalista Marga Caldas, responsable de Serguridade Cidadá, explicou que as autocaravanas que cheguen a Poio e se atopen con estas prazas ocupadas poderán utilizar, de xeito provisional, o campo de billarda, situado nas proximidades. Iso si, Caldas Moreira deixou claro que estes vehículos só poderán permanecer nesta chaira durante un tempo máximo de 24 horas.

Para velar polo cumprimento desta medida, a Policía Local de Poio procederá dende este venres a efectuar os pertinentes controles, o fin de garantir que se cumpre tanto co límite de horario establecido como coa ocupación de zonas permitidas. Haberá sancións para as persoas que fagan caso omiso destas indicacións.

De face ao futuro, a intención do Goberno local é reforzar a sinalización e mellorar a área de servizo para evitar que se reproduzan situacións como a xerada este ano no primeiro tramo do verán que incomodaron a autocaravaneros e outros usuarios da chaira da Seca.

Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/articulo/comarca-de-pontevedra/poio-atalla-problema-caravanas-mais-espazo-limites-tempo/202008141128011099853.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)