O programa 'En Ruta coa Depo' leva de excursión a 702 veciños de once concellos

Esta fin de semana terá lugar en Vigo unha ruta adaptada a persoas con mobilidade reducida

O programa 'En Ruta coa Depo 2019' organiza esta fin de semana once novas excursións nas que participarán persoas de once concellos da provincia. En concreto serán 702 veciñas e veciños dos concellos de O Grove, Redondela, Vigo, Poio, Oia, Vilagarcía de Arousa, Vila de Cruces, Marín, Cuntis, Sanxenxo e Gondomar.

Máis polo miúdo, este sábado 19 un total de 108 veciñas e veciños do Grove gozarán dunha ruta por Vigo adaptada a persoas con mobilidade reducida da man da Cofradía de Pescadores San Martiño do Grove. O mesmo día 54 persoas da Asociación Xaruma de Vigo e outras tantas do Centro Social do Concello de Poio realizarán dúas visitas culturais. Nelas coñecerán A Cañiza.

Para completar a programación do sábado 19 de outubro, 'En Ruta coa Depo 2019' contará tamén cunha saída marítima. Nela, 108 das persoas integrantes da Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Eugenia de Mougas-Oia visitarán a Illa de San Simón así como o Castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio pasando tamén polo Museo Meirande de Redondela.

O domingo 20 de outubro serán 54 veciñas da Asociación de Mulleres Rurais de Sabrexo de Vila de Cruces as que farán un percorrido marítimo, neste caso por Arousa e polo Grove. Durante a saída gozarán dun paseo en barco pola ría de Arousa, con degustación incluída, así como de dunha visita ao Museo da Salga.

Comentarios