Opinión

Propiedade perpetua

►O mundo dos defuntos vive nestes días o pulo preciso para provocar certas reflexións


POUCOS espazos mellores hai para entendernos a nós mesmos que os cemiterios. Pasar un anaco de tempo camiñando entre o silencio e botar a mirada cara tumbas e sepulturas redimensiona o que realmente somos en relación á existencia humana: nada.
Imagen de una virgen agarrada a una cruz
Non é cuestión de entrar en situacións existencialistas ou de filosofías que pouco teñen que ver co que lles quero contar, simplemente que temos aniñado no noso sentir que estes recintos que hoxe e mañá se encherán de xente para lembrar aos seus dun xeito físico entendémolos como iso, como espazos de lembranza e de respecto, pero non os empregamos como camiño para atoparnos a nós mesmos, cando para os outros xa pouco podemos facer. Percorrer un cemiterio fóra do puntual balbordo destes días é unha experiencia moi enriquecedora na que escoitarnos fronte a aquilo ante o que todos nos temos que medir. Para uns será a eternidade, para outros simplemente o final. Para quen, coma min, pensa na morte como nunha putada que pecha ese milagre da vida e que non ten máis percorrido, sempre me pasmou o feito de fixarse a un lugar para ser lembrado, o desexo de ter unha propiedade perpetua na que alguén poida ir deixar unhas flores ou rezar unha oración. Eu prefiro pensar nos meus lembrándome fronte a Cabo Home, mirando cara un horizonte no que a beleza imporase sempre ao que será un mellor ou peor recordo, que camiñando por un camposanto para deixar ao meu carón un ramo de flores que en poucas horas xa murcharán. Sempre pensei que ese ir e vir aos cemiterios é unha escravitude á que os nosos defuntos non desexarían condenarnos, e que a súa felicidade sería máis evidente co recordo íntimo e permanente dos seus sorrisos,das súas caricias ou do seu quefacer ao longo da súa vida.


Esa beleza que a natureza posúe como grande acubillo da alma amósase tamén, aínda que de xeito diferente, nos nosos cemiterios dende moitas situacións. Tumbas fermosamente decoradadas con impoñentes esculturas, recunchos que o tempo encargouse de encher dunha fondura poética e que contemplados hoxe posúen unha beleza moito máis artística que sentimental. Non é raro que xurda con forza nos últimos tempos un turismo de cemiterios no que non son poucos os que percorren diferentes camposantos do mundo para atoparse con esas propiedades perpetuas que moitos pesonaxes coñecidos, escritores, actores ou músicos, ocupan, e que os seus acérrimos seguidores adoitan visitar como parte dun tributo cara quen tanto fixo por eles. Outra parte dese turismo procura buscar a beleza que as diferentes arquitecturas ou esculturas compuxeron entre ambientes nos que a natureza tamén forma parte de seu. Espazos nos que a mística, o silencio ou a posibilidade da reflexión asúmense agora necesarios para profundizar en nós mesmos e, sobre todo, para facelo nestes momentos cheos de tantas confusións.

Síntome ben nos cemiterios pensando nas vidas dos demais, en quen sería este ou aquel, descubrindo os nomes de xente famosa, contemplando un recinto feito para os que non están pero que aínda serve moito máis para os que estamos, e nos que nos podemos asomar a situacións tan variadas como curiosas que nos falan de como o home se relaciona coa morte, con esa eternidade á que se refería José Ángel Valente: "No te pido la eternidad/te pido el tiempo,/el brote puro de la luz de un día,/para decir que he sido/la forma de un amor,/para hundirme en tu nada".

Comentarios