A provincia de Pontevedra rexistra mil casos de violencia de xénero activos

A Xunta reparte un millón euros en subvencións na comarca para impulsar a loita contra a violencia de xénero

Ana Ortiz e Susana López Abella. DP
photo_camera Ana Ortiz e Susana López Abella. DP

Na provincia de Pontevedra hai nove mulleres cuxa integridade corre un alto risco. Son datos extraídos do sistema de seguimento de casos de violencia de xénero VioGén, creado polo Ministerio de Interior e que publica mensualmente.

Na provincia hai 1.104 casos de violencia de xénero activos na actualidade, o que significa que as forzas de seguridade teñen abertos protocolos de actuación para todos eles en función da súa gravidade, que se determina en función de diferentes factores. Deste xeito, existen 590 casos nos que non se apreza a existencia de risco, 374 cun nivel baixo, 131 casos de risco medio e nove con alto risco. Existe un escalón máis, o risco extremo, situación na que se atopa unha muller en Galicia, na provincia da Coruña.

Loitar contra a violencia machista, mais tamén contra os primeiros síntomas da desigualdade, é o obxectivo do conxunto de subvencións presentadas onte na delegación territorial da Xunta de Galicia. Así, a Secretaría Xeral da Igualdade repartirá axudas entre os concellos por importe de case 991.500 euros, para a posta en marcha de distintas accións de promoción da igualdade real entre mulleres e homes. Así o explicou onte a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, nunha rolda de prensa na que detallaron os resultados da resolución desta convocatoria de axudas.

En total serán 34 entidades locais da área territorial de Pontevedra as beneficiarias destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que se destinarán a iniciativas en catro liñas de actuación. A novidade deste ano é o programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, financiado con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Ademais, grazas a estas axudas desenvólvense programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, fomento da conciliación e de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIMs). Moitas destas solicitudes foron presentadas de forma conxunta por agrupacións ou mancomunidades de concellos, priorizando así a xestión conxunta e eficaz dos recursos públicos. Neste sentido, López Abella falou da importancia de ampliar a rede de CIM aos concellos e lamentou casos como o de Ponte Caldelas "que segue sen pedir subvención para o seu CIM, que funciona por sentenza xudicial".

A Xunta destinará 65.000 euros ao programa de prevención da violencia que chegará a oito concellos da comarca

Das catro liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende nesta área territorial a 641.519 euros, que se distribúen en 16 centros de Información á Muller e beneficia a 26 concellos. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. A maior parte axudará a manter ás 39 persoas que traballan nos centros desta área territorial en postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou como axentes de igualdade ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Neste sentido, Abella indicou a importancia da Igualdade como un motor de creación de emprego. Así, asegurou que na comunidade traballan ata 165 profesionais neste ámbito.

Para a sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, que constitúen a novidade desta convocatoria, contarán coa axuda 28 entidades locais na área de Pontevedra.

Comentarios