Imprimir

Roberto Regal: "Estes viños teñen algo exclusivo"

Á.P | 14 de agosto de 2020

Cata de viños en Poio.J.CERVERA-MERCADILLO
Cata de viños en Poio.J.CERVERA-MERCADILLO

A Concellería de Cultura de Poio deu xoves un golpe maestro na súa programación para o verán da pandemia ao lograr un cheo para a cata de viños que acolleu o Mosteiro de Poio e que, co denominador común de ofrecer 'Viños do Atlántico', amosou, da man do enólogo e produtor Roberto Regal, as bondades de varios caldos da IXP Ribeiras do Morrazo (a que acolle os terreos de Poio, Pontevedra, Marín os concellos do Sur, ata Rendondela) e das Terras do Barbanza.

A cita contou con 50 participantes e desenvolveuse no exterior do Mosteiro, aos pés do seu emblemático hórreo e foi seguida por un concerto da investigadora e cantante Faia Díaz, integrante de De Vacas. A cata foi descrita por Roberto Regal como unha cita particular "na que pode ser difícil expoñerlle ao participante o contexto destes viños, porque a IXP Ribeiras do Morrazo, por exemplo, é moi recente, e ten tamén albariño, sen ser da D.O., pero sinxela, no sentido de que moitos dos participantes son de Poio e das proximidades e queren entender ese contexto".

Regal destacou que os viños que se probaron "son difícis de conseguir no mercado, salvo en establecementos especializados, porque son todos de producións pequenas". Fronte á recencia de ambas indicacións xeográficas, o enólogo defendeu que "estes caldos teñen todos algo que os fai exclusivos, algo propio".

Destacou o feito de que Viñas do Mosteiro sexa un caldo elaborado pola orde mercedaria "que dalgún xeito ten que conservar algo de todo o legado e tradición adegueira do propio mosteiro desde o seu pasadio benedictino". Sinalou tamén a antigüidade de moitas das cepas de explotacións das que se extraen caldos como o de Areeiro, ou a presenza de "variedades ancestrais como a blanca lexítima dos viños do Barbanza" que se probaron xoves.

Podes ver este artigo na próxima dirección /gl/articulo/comarca-de-pontevedra/roberto-regal-estes-vinos-tenen-algo-exclusivo/202008141305221099880.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)