Sanxenxo investiu case un millón de euros nas praias durante a tempada alta

O gasto derivado da covid-19 superou o 25%, do que 154.270 euros son de equipamento adicional
2020091914341129321
photo_camera O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, este venres no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O edil de Medio Ambiente de Sanxenxo, Juan Deza, deu conta este venres do investimento nas praias de Sanxenxo durante a tempada alta, que vén de rematar, e que supuxo un desembolso total de 964.018 euros das arcas municipais. Segundo o concelleiro, máis do 25% foron gastos derivados da covid-19.

As praias do municipio contaron este ano con 79 socorristas, dos cales 18 foron xefes de posto, con 35 informadores e 25 persoas encargadas da limpeza, estas últimas a media xornada. Deza salientou que o gasto do Concello por socorrista roldou os 2.000 euros, con salarios entre os 1.300 e os 1.500 euros aproximadamente. "O Concello contratou 139 persoas, non creo que haxa empresa en Sanxenxo que contrate tanto persoal xunto en tempada de verán», valorou o concelleiro.

Cada módulo de salvamento contou con "abundante material sanitario", entre os que salientan os catro drons mercados este ano polo Concello para o control de aforo, 17 desfibriladores, dúas embarcacións tamén provistas de desfibriladores e material específico anticovid. Emisoras, megáfonos, tensiómetros e equipos de osíxeno completan o arsenal sanitario das praias sanxeninas, no que este ano o Concello investiu un total de 128.924 euros, na compra e reposición de material a maiores.

Os areais de Sanxenxo contaron este ano con 79 socorristas

DOBRE EQUIPAMENTO. Ademais do material sanitario, Sanxenxo tivo que facer este ano un dobre esforzo en materia de equipamento e servizo nas praias do municipio. Esta tempada o Concello investiu 328.447 euros, case o dobre que nos anos anteriores. Deste total, 181.585 euros de gasto tiveron que ver coas tradicionais tarefas de posta a punto das praias, balizamento, e a instalación de tres novos módulos de baños en Area de Agra, Baltar e Montalvo, e dúas torres de vixilancia para A Lapa e Nosa Señora, que estrearon bandeira azul.

Os outros 154.270 euros, case a metade do investimento total nesta área, foron gastos derivados da situación sanitaria da covid-19 que tiveron que ver co equipamento. Neste sentido, Sanxenxo instalou 35 carteis informativos nos areais (12.000 euros), 540 metros de pasarelas (12.024 euros) e levou a cabo a mellora de varios accesos, coma o de Montalvo, Canelas, Bascuas, Foxos, Nosa Señora e Nanín (59.701 euros).

O gasto máis significativo tivo que ver co incremento na frecuencia da limpeza dos baños dos areais, que pasaron de realizarse dúas veces ao día en situación normal, a seis veces. "Cada hora e media limpabamos e desinfectabamos os baños, e todos estiveron provistos de hidroxel e de secadores de mans. Triplicouse a limpeza, e tamén o investimento". Así, Sanxenxo pasou de gastar 22.000 euros neste servizo aos 70.545 euros investidos este ano.

O Concello baralla presentar a candidatura da praia de Nanín ás bandeiras azuis

VINDEIROS RETOS. Juan Deza explicou que, unha vez que "estamos chegando ao top" en materia de bandeiras azuis, o vindeiro ano "xa non será coma antes, que en cada tempada podiamos conseguir unha ou dúas máis. Será máis difícil, temos que manter o conseguido, que non vai ser fácil, e seguir mellorando os servizos".

No punto de mira do Concello está a praia de Nanín, que, "a pesar de dous problemas puntuais nas analíticas coas choivas de agosto, dá bos resultados". Así, o Concello plantéxase presentar a súa candidatura ás bandeiras azuis o vindeiro ano. Deza tamén anunciou a intención de dotar ao areal de Pampaído de "mellores servizos e accesos" de cara á presentación da súa candidatura, pero xa para "o vindeiro mandato".

A praia da Carabuxeira tamén se verá impulsada nos próximos meses, nos que comezará a primeira fase de aportación de 10.000 metros cúbicos de area, e o edil de Medio Ambiente estima que "para o verán que vén poderá estar rematada a rexeneración", tras a segunda fase de aporte de 25.000 metros cúbicos máis de area.

A senda polo litoral da ría de Arousa, dende A Revolta ata o límite de Meaño, tamén será unha realidade próximamente: "Intentaremos facer unha gran senda nesa parte da costa de Sanxenxo que é a grande esquecida".

17 bandeiras azuis e 12 Q de Calidade 
O edil de Medio Ambiente, Juan Deza, asegurou que Sanxenxo está chegando "ao top" a nivel de distintivos. "Cando collemos o Goberno hai tres anos tiñamos 11 bandeiras azuis, fomos quen de recuperar a de Areas, Panadeira e de Caneliñas, que perderamos, e conseguir tres novas, que foron Area de Agra, A Lapa e Nosa Señora". Deza salientou que Sanxenxo é o concello de Europa con máis bandeiras azuis. "Somos unha referencia internacional". 

Sanxenxo conta tamén con seis sendeiros azuis que suman 25 quilómetros, "o maior de España". Os dous portos deportivos tamén teñen bandeira, "unha no Club Náutico e outra na Telleira", e o concello conta cun recoñecemento "ao salvamento e ao socorrismo". 

Ademais, as praias de Areas, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Montalvo, Pragueira, Major, Foxos, A Lapa e Areas Gordas contan co distintivo Q de Calidade.

Comentarios