Serxio Pazos:«Cada vez que escapo cos amigos tomamos viños e copas e acabamos pechando Marín»

PON2702P18F1.JPG
photo_camera PON2702P18F1.JPG

O pregón que dará comezo ao Entroido marinense estará a cargo do actor galego Serxio Pazos. Declárase un namorado destas datas e asegura ter amigos en Marín. Na súa intervención, promete facer rir aos asistentes con suxestións de disfraces, temas de actualidade e coa súa habitual espontaneidade

O vindeiro domingo, a partires das 13.15 horas, o actor Serxio Pazos lerá o pregón que marcará o inicio do Entroido en Marín.

Que significa para vostede o Entroido?

Por culpa da nosa profesión, os actores estamos a disfrazarnos todo o ano e cando chegan estas datas podo dicir: «por fin non me disfrazo de nada, só de min mesmo». Escapamos un pouco da profesión e aproveitamos o Entroido para non ter que disfrazarnos. Por outra banda, son un tipo de Ourense que mamou a infancia en Xinzo da Limia, que son amante do ‘triángulo maldito’ Laza-Verín-Xinzo, onde a nosa familia, de pequenos tirou moito para que nos disfrazáramos. Por riba, eu xa era un cabeza tola ao que lle gustaba facer cousiñas de teatro. Para min é unha época moi de gozar. Creo que é unha das máis divertidas que hai.

Que é o que máis lle gusta destas datas?

Son moi simpáticas, onde se come ben, se bebe ben e pronto ben a Coresma, que nos vai tener -en teoría- corenta días sen probar carne (ri).

Ten pensado de que se vai disfrazar este ano?

Estou preparando unha sorpresa, pero non deberíamos de dicila.

Cando escoita a palabra Marín, que lle vén á memoria?

A miña relación máis forte con Marín é polo cine de época. Todos recordamos aquelas películas que se fixeron na Escola Naval, como ‘Botón de Anclas’, con Fernando Fernán Gómez. Hai unha etapa do cine español que tira para Galicia. Para min, Marín foi, dende a infancia, un referente do cine español.

E máis aló da ficción?

Sempre me trataron ben nas Rías Baixas, onde teño bos amigos. Cada vez que me escapo a Marín tomamos viños e copas. E acabamos pechando Marín. Nas vilas pequenas segue a haber moito ambiente e a xente sae, son catro bares e que se coñecen e non é a gran cidade, onde se perdeu o encanto.

Podemos saber algunha cousa do seu pregón? Pode dar algunha pista?

No Entroido, a xente o que fai é buscar o disfraz máis simpático. Farei un recordatorio dos posibles traxes que a xente de Marín podería poñer. Moitos poderían disfrazarse da Infanta, que é moi sinxelo, só hai que dicir «no sé» cando che preguntan de que vas disfrazado. Ou de Iñaki Urdangarín, que che aforras a careta, só levas careto. Faremos algunhas bromas sobre como disfrazarnos de cicloxénese e tamén de tónicas.

Como vai animar aos marinenses a gozar do Entroido?

O pregón é unha arenga á festa. E como tal, primeiro hai que pedir educación e respectar a quen non quere divertirse. Pero hai que gozar de todas as maneiras posibles, dentro dos límites da decencia e da legalidade. Temos que beber, emborracharnos, comer, tocar carne en todos os sentidos e temos que disfrazarnos e pasalo ben. Despois, nestas festas hai xente que ten que limpar todo o que mancha o que se está divertindo. Respectemos aos varrendeiros, á seguridade, a Protección Civil, á Policía, que eles non se poden disfrazar porque lles toca facer garda.

Que proxectos novos ten como actor?

Sigo co monólogo ‘Sé galego, my friend’ e estou a preparar un novo.

Comentarios