O Torre de Cela xa conta cunha biblioteca inclusiva

A conselleira de Educación asistiu á inauguración
Os nenos explicáronlle as diferentes actividades á conselleira. DP
photo_camera Os nenos explicáronlle as diferentes actividades á conselleira.

O Ceip Plurilingüe A Torre de Cela acolleu onte a inauguración da nova biblioteca escolar que nace co obxectivo de ser un espazo de aprendizaxe, así como de creación e experimentación. Ao acto asistiron Xosé Leal, concelleiro de Cultura e Ensino de Bueu e Carmen Pomar, conselleira de Educación. O de onte era foi un día especial e moi agardado por toda a comunidade educativa, pois marca o punto de inicio para comezar a traballar co modelo de biblioteca inclusiva, cunha atención primordial á exploración da parte máis creativa e artística.

Para esta reforma integral, o centro recibiu unha axuda por parte da Dirección Xeral de Centros da Xunta de Galicia. Nela hai diversas zonas que fomentan a relación entre os nenos e as nenas e promoven a creatividade. Así, ao espazo de literatura súmase o de bricolaxe, o de robótica, o de reciclaxe, o muro de lego, a área de xogos, as butacas de lectura, o recanto da arte... A radio escolar, sita no andar segundo, tamén forma parte da biblioteca e nela o alumnado realizará entrevistas, cuñas publicitarias, programas temáticos. Segundo recoñecen «a radio axúdanos a expresarnos mellor».

O centro estase iniciando na metodoloxía SEM (Schoolwide Enrichmet Model), adaptado a Galicia (SEMGAL)

Desde o pasado curso 2018-19, o Torre de Cela incorporouse a este programa Radio na Biblio, e este mesmo curso ao programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación.

O acto inaugural e a explicación dos diversos espazos levouse a cabo por parte dun grupo de rapazas e rapaces, que definiron a biblioteca como "un recuncho para atoparse todas e todos". Neste sentido, a directora do centro tamén fixo un anuncio moi especial: a biblioteca coñecerase co nome de Luís Davila, o nome do recoñecido artista local que realizou os murais que decoran as paredes.

Como novidade, o centro estase iniciando na metodoloxía SEM, dentro do SEMGAL, o programa de Enriquecemento Escolar -baseado no modelo SEM (Schoolwide Enrichmet Model), adaptado a Galicia, co fin de avanzar no proceso de inclusión educativa e mellorar o rendemento académico do alumnado. O CEIP atópase no ano 0 deste proxecto, isto é, na fase de achegamento a este modelo. No ámbito das tecnoloxías, o centro ten implantado desde o ano pasado o Edixgal, o modelo de ensino dixital, para o alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria.

Comentarios