Os veciños da Parda e Valdecorvos poderán empregar os seus composteiros dende este mércores

Os mestres composteiros ofrecerán información sobre os centros, algúns dos cales abrirán pola mañá e outros pola tarde ►Os de Campolongo estarán operativos entre o xoves e o venres

Obras de colocación do composteiro da rúa Pintor Laxeiro. CONCELLO
photo_camera Obras de colocación do composteiro da rúa Pintor Laxeiro. CONCELLO

A Concellaría de Residuos, que dirixe Raimundo González Carballo, iniciou a posta en marcha os oito novos centros de compostaxe comunitaria situados nos barrios da Parda, Valdecorvos e Campolongo. Os primeiros en abrir serán os da Parda e Valdecorvos, previsto para este mesmo mércores.

Composteiro cartel informativoEstá previsto que os primeiros reforzos que abrirán serán os das rúas Pintor LaxeiroMestre Soutullo (Praza das Regas-Valdecorvos), que veñen a completar os outros centros de compostaxe instalados na zona. Estarán operativos dende primeira hora da mañá para que os veciños e veciñas que o desexen poidan facer uso deles.

Son dous novos centros de compostaxe de dez módulos cada un instalados sobre unha celosía, que dispoñen de colector para estruturante e fonte.

Xa pola tarde abrirán os composteiros comunitarios das rúas Antón Losada Diéguez e Maruxa Mallo. Son tamén dous centros de 10 módulos cada un, caixas de estruturante e fonte.

No caso destes dos últimos, son centros situados no barrio da Parda pero son os primeiros que se instalan nestas localizacións polo que está previsto a colocación da carpa informativa Composta para atender a todas as persoas que desexen achegarse a coñecer o funcionamento dos centros de compostaxe, obter información ou bolsas de compost.

En distintos horarios, tres mestres e mestras composteiras dependentes do Departamento de xestión de Residuos, atenderán as preguntas e suxestións dos veciños e veciñas. Na rúa Maruxa Mallo estarán de 17.00 ás 18.30 horas e en Antón Losada de 19.15 horas a 20.45 horas. A apertura dos centros de compostaxe comunitaria de Campolongo está prevista para o xoves e o venres.

23 CENTROS DE COMPOSTAXE. Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños e veciñas nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os oito novos que se porán en marcha a vindeira semana coa incorporación do barrio de Campolongo.

Dos existentes, tres deles son de seis módulos, e o resto teñen todos dez. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos oito que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra.

O departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios.

Comentarios