A Xunta redobla o apoio ao Culturgal con 65.000 euros e máis actividades

Cultura promove na programación do evento os concertos de Susana Seivane, Luar na Lubre e Os d'Abaixo, así como as montaxes escénicas Sofía unipersonal, Karelu e Ópera Break's
Unha imaxe do espectáculo Ópera Breaks, con Vella Escola, do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. DP
photo_camera Unha imaxe do espectáculo 'Ópera Break's', con Vella Escola, do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. DP

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade redobla o seu apoio ao Culturgal-Feira das Industriais Culturais, que se celebrará desde este venres e ata o domingo en Pontevedra. Este ano, non só achega os 65.000 euros do patrocinio, senón que aportará un bo número de actividades á axenda do evento, entre elas seis actuacións e concertos ao vivo procedentes do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

A administración autonómica ten un papel moi relevante co seu apoio ao Culturgal, aínda que o seu traballo, lonxe de rematar coa celebración deste evento, levase a cabo ao longo de todo o ano como promotora que intervén de xeito determinante na creación e desenvolvemento de servizos e produtos culturais galegos.

Nesta edición, a Asociación Culturgal decidiu cambiar o formato do evento, adoptando unha fórmula semipresencial como consecuencia das restriccións aprobadas para facer fronte ao avance do covid-19. En todo caso, mantén as datas de celebración, aínda que prescindirá dos habituais expositores que as compañías instalaban no Recinto Feiral de Pontevedra.

A obra Karelu, da compañía Os Náufragos Teatro. DP
A obra Karelu, da compañía Os Náufragos Teatro. DP
 

ACTUACIÓNS AO VIVO. Dentro de ampla e variada axenda da Xunta na Feira, destacan seis actuacións e concertos ao vivo. Polos escenarios pasarán Susana Seivane (sábado 28, ás 18.30 horas), Luar na Lubre (sábado, ás 20.30 h.) e Os d'Abaixo (domingo 29, ás 20.00 h.), así como as montaxes escénicas Sofía unipersonal, de Inversa Teatro (sábado, ás 21.00 h.); Karelu, de Os Náufragos Teatro (domingo, ás 13.00 h.), e Ópera Break's, de Vella Escola (domingo, ás 19.15 h.).

A participación da Xunta en Culturgal, por medio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), non só é económico, e os distintos departamentos da Consellería de Cultura participan activamente nesta citas, na que se dan a coñecer proxectos propios ou levados a cabo en colaboración con outras entidades e axentes do sector en todos os ámbitos de manifestación das empresas creativas e culturais.

Este ano, particularmente e no actual contexto sociosanitario, a Xunta renova aínda con máis firmeza e seu apoio ao Culturgal como medio de refrendar a todas as empresas culturais galegas. Moitos dos proxectos culturais que puideron saír adiante este ano grazas ás medidas do Plan de reactivación do sector cultural, deseñado e posto en práctica polo Goberno galego para facerlle fronte aos efectos da covid-19, poderán verse no Culturgal e tamén, con toda seguridade, nas edición dos próximos anos.

Retransmisión. Na actual edición, na que a organización decidíu, ante o avance da pandemia e das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias, facer un evento semipresencial e sin expositores, a Xunta renova especialmente o seu compromiso co Cultural, na súa aposta por levar o evento a máis público a través da ampla retransmisión en liña organizada pola propia feira, que amplificará a proxección social das industrias culturais galegas para seguir chegando aos seus destinatarios dadas as actuais restricións sanitarias.

Sen dúbida, o propio Culturgal é un destes axentes que reaccionaron coa solvencia dun novo formato completamente renovado para manter a actual edición.

Dentro da programación da Feira das Industrias Culturais, esperta un interese especial unha das proxeccións inaugurais en Culturgal do filme Ons, de Alfonso Zarauza e producido pola produtora galega Maruxiña Film Company, que chega a Pontevedra despois da súa estrea galega no marco do festival compostelán Cineuropa.

A película foi realizada cunha subvención da Xunta de Galicia, igual que outros dos títulos que conforman o apartado audiovisual do evento pontevedrés, tales como Arima, A illa das mentiras, Longa noite e A media voz. No seu conxunto, esta carteleira cinematográfica expresa o bo momento creativo que esta a vivir o noso audiovisual, con presenza e recoñecementos nos principais festivais de todo o mundo.

'Pontevedra, cuna de Colón', en versión polícroma
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove na feira, que se celebrará en Pontevedra desde mañá venres, a proxección o domingo da restaurada versión polícroma do documental de 1927 Pontevedra, cuna de Colón, peza de Enrique Barreiro e pioneira na experimentación para dotar de cor a imaxe cinematográfica.

Culturgal será tamén o escenario para a presentación de diferentes iniciativas da Xunta de Galicia no ámbito da cultura dixital, da promoción da economía social e da dinamización lingüística co programa Galego e +, así como da actividade da Cidade da Cultura de Galicia co festival Escenas do Cambio e as exposicións Galicia de Nós a nós e As miradas de Isaac, ou as producións que prepara o Centro Dramático Galego, entre outras.

Un gran escaparate
A Feira das Industrias Culturais, que cada ano se celebra en Pontevedra, é un magnífico escaparate para amosar as creacións galegas, que tanto recoñecemento están a colleitar.

Comentarios