Yolanda Díaz propón como "primeira medida" intervir o prezo da enerxía

A candidata por Pontevedra de En Común-Unidas Podemos cuestiona o "papel" de Ana Pastor nas "cloacas" 

Yolanda Díaz, xunto ás candidatas de En Común-Unidas Podemos, este sábado en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Yolanda Díaz, xunto ás candidatas de En Común-Unidas Podemos, este sábado en Pontevedra. RAFA FARIÑA

A cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra, Yolanda Díaz, asegurou que se esta formación chega a "conformar goberno" a súa "primeira medida" será intervir as tarifas da enerxía ao establecer un "prezo regulado" e "sacar do mercado as hidroeléctricas e nucleares" para que a enerxía sexa "pública", e impulsar que a modalidade de contratación ordinaria sexa o contrato indefinido que na provincia só representa o 6,5 por cento. 

Nun mitin celebrado na Praza do Teucro, en Pontevedra, e sen facer ningunha mención ao futuro da empresa Ence, Yolanda Díaz tachou de "golfería" e de "corrupción legal" que "non paquen impostos os que están forrados". 

Por iso comprometeuse a que a Igrexa, os fondos de investimento "que especulan coas pensións" e as Sociedades de Investimento de Capital Variable como a que atribuíu ao fundador de Zara, Amancio Ortega, "van tributar". 

Tamén criticou que o PSOE non publique os nomes dos 30.000 "amnistiados polo delito de non pagar a Facenda" e que non se revertan os copagos, os centros concertados e a privatización da sanidade. 

Neste sentido, asegurou que a "reforma fiscal" que propón En Común-Unidas Podemos permitirá que "a xente de abaixo viva con dignidade" e non se produzan casos de "portas xiratorias", pondo ás exministras populares Soraya Sáez de Santamaría e Fátima Báñez como exemplos, pola súa vinculación, respectivamente, co bufete Cuatrecasas e a patronal CEOE. 

Ademais, censurou a "compatibilidade perfecta" entre o portavoz económico de Ciudadanos, Luís Garicano, e a ministra de Economía, Nadia Calviño, porque significa que "a pista de saída está posta para que haxa un goberno do Ibex-35" e que o PSOE "non quere derrogar a reforma laboral". 

En canto ao PP, advertiu á candidata por Pontevedra, Ana Pastor, que "non debería frivolizar coa xente" por afirmar que o seu partido "crea emprego. 

Tamén se dirixiu a Ana Pastor para preguntarlle polo "seu papel, como presidenta do Congreso, nas cloacas e a espionaxe contra Podemos e Pablo Iglesias".

"CLOACAS". Precisamente, o deputado de Podemos Alberto Rodríguez asegurou que as cloacas son "para quen non pode comprar aos que non se venden", tras acusar a quen practican a "corrupción" de "tentar comprar" a xuíces, policías, políticos e partidos, xornalistas e medios de comunicación. 

"Vostedes votaron a unha xente que non nos vendemos, cometeriamos erros pero non roubamos nin un euro", asegurou Rodríguez sobre os representantes políticos de Podemos. 

Do balance desta lexislatura, Alberto Rodríguez referiuse a Podemos como "o grupo que máis iniciativas presentou" e "o único grupo que levou por lei que as pensións estivesen ligadas ao IPC". 
Neste sentido, rexeitou, por "covarde", un posible acordo do PSOE e Ciudadanos para formar goberno; fronte a isto, insistiu en que Podemos demostrou "que se poden facer as cousas doutra maneira".
 

Comentarios