Opinión

O segundo plan de rescate: hoxe mellor que mañá

MOITA XENTE cre no diálogo. É unha palabra moi utilizada en política. Pero dialogar, ademais de en falar, consiste en escoitar. Non escoitarse a un mesmo, senón escoitar aos demais, porque se non escoitas, non estás dialogando. Calquera que escoitara aos hostaleiros e autónomos durante os últimos meses sabería cal era a súa prioridade: a concesión de axudas directas o máis rapidamente posible. Non querían negociacións interminables, nin procesos administrativos eternos, nin subvencións condicionadas a investimentos. Querían plans de rescate, e queríanos hoxe mellor que mañá. Axudas directas e inmediatas. Ingresos nas súas contas.

Por iso o Consello da Xunta aprobou hai tres días a segunda edición do Plan de rescate a hostaleiros, autónomos e micropemes. Antes dunha semana se poderán solicitar estas axudas. Sumadas as dúas edicións, a Xunta terá posto á disposición dos afectados, en solitario e con fondos propios, 160 millóns de euros. Galicia convértese así na comunidade autónoma que máis axudas directas deu a aqueles que peor o están pasando pola pandemia. Ningunha outra en toda España inxectou máis diñeiro a autónomos e hostaleiros. Ningunha.

O mecanismo do segundo Plan de rescate coñéceno ben os destinatarios porque vai ser o mesmo que na primeira edición. Ese plan demostrou a súa eficacia grazas á súa axilidade e ao seu alcance, e por iso os beneficiarios, os verdadeiros protagonistas, pedían unha repetición; procurando aumentar os fondos o máximo posible e incluíndo esta vez ás administracións que non colaboraran na primeira volta.

Xunta, deputacións e Fegamp sentámonos tres veces nunha semana co obxectivo de conformar unha tripla fronte. Dado que os propios destinatarios das axudas querían volver utilizar os medios da Xunta para gañar axilidade, ofrecemos que ese mecanismo fose aproveitado polas deputacións (as que aprobaran axudas directas no pasado e as que non), e polos concellos (os que aprobaran axudas directas no pasado e os que non). Pero a política mal entendida cruzouse polo medio, ante a estupefacción dos propios hostaleiros, e o acordo non foi posible, excepto coa Deputación de Ourense, que soubo estar á altura das circunstancias.

Desde a Xunta non podiamos perder tempo en discusións ou lamentos, e a mesma tarde en que se frustrou o pacto a tres bandas activamos a nosa maquinaria. O resultado foi o plan que abordou esta semana o Consello. As axudas poderán comezar a pedirse antes de cinco días. Axilidade para chegar antes e para chegar máis lonxe.

En que se concreta todo isto? En axudas que van dos 3.400 euros aos 24.200 euros por local en só catro meses. Aínda así, sabemos o tremendo esforzo que lle estamos pedindo aos sectores afectados durante a pandemia e sabemos tamén que só coa Xunta non chega, que as demais administracións deben participar.

De feito, non nos cansaremos de repetir que neste camiño resulta imprescindible a implicación do Goberno central a través dos fondos europeos que van chegar a España. Ata o de agora, nin axudas directas, nin baixada do Ive turístico, nin apoio ao Xacobeo. Os hostaleiros e os autónomos precisan máis esforzo desde Madrid e precísano xa.

Porque como dicía ao principio, dialogar consiste en escoitar. Nós seguiremos escoitando dos hostaleiros as súas demandas. Ese é o noso compromiso. Así o viñemos facendo desde o primeiro día da pandemia e así seguiremos ata que as circunstancias sanitarias nos permitan a todos recuperar as nosas vidas. Agardemos que ese día chegue o antes posible. Mentres tanto, poden seguir contando coa Xunta de Galicia.

Comentarios