Opinión

Tanxu, of course

O trío consegue a treboada perfecta xa antes da preselección: autoestima, orgullo, mercado, exportación, momento, estilo e política con maiúscula
Concerto de Tanxugueiras
photo_camera Concerto de Tanxugueiras

Hai fenómenos sociais que fan levantar a mirada e enchen o fol de ledicia. É o que lle pasa a moitas persoas que están a vivir intensamente o fenómeno Tanxugueiras. En véspera de escoitar os 14 microespectáculos que aspiran a conquistar Eurovisión é a clara favorita para chegar ao abraiante escenario de Torino, un dos maiores espectáculos televisivos do mundo.

Un proceso participativo

Nesta ocasión, o derrotismo non é, como adoitaba, o ingrediente que máis abonda entre a eurobancada. A radiotelevisión pública central decatouse por fin do filón que podía explotar en termos de público, visibilidade e mercado. Montou un protocolo totalmente distinto ao anterior, deixando algo máis ao marxe ao estreito lobby musical que o abafaba e abrindo un proceso participativo que, por fin, entusiasma aos siareiros.

Un festi de verdade

Desempolvar o Festival de Benidorm e separalo da naftalina Gwendolyne, foi a fórmula elexida, nada allea aos éxitos italianos en Eurovisión derivados de San Remo, ao que aspira a emular. Así, aparece convertido en Be Fest —a pallasada anglófona, como a do titular desta crónica, que non falte—. Trátase de preparar un evento internacional e xa a case ninguén molesta o trans lingüístico.

Anomia eurovisiva

Despois de tocar fondo estes últimos anos, España sentíase orfa en Eurovisión. Non aparecía quen de edificar tres miserentos minutos de ilusión, personalidade, diferenciación e espectáculo. Temas e intérpretes —todos eles dignos e respetados— que nen sequera lograban enganchar co público español máis aló das finxidas poses dos contertulios da TVE e catro forofos nacionalistas que lles poñas o que lles poñas sempre irán con España porque ese é o límite das súas aspiracións. Quen máis quen menos interpretaba que a TVE non lle interesaba Eurovisión, polo que fose. Só ían a cumprir e beneficiarse do Big five.

Antes, Figa

Nese caldo derrotista móvese o entusiasta público de Eurovisión Spain, un influínte blog de noticias sobre o festival, que realiza unha macroenquisa anual preguntando únicamente quen debería representar a España, sen límite de opcións. Pois para sorpresa máxima, Tanxugueiras aparece aupado ao primeiro posto o pasado ano. Cal é a orixe do fenómeno? Figa, un temazo cheo de potencia, enerxía, as súas voces exquisitas e unha estética completamente urbana e desprexuizada que tan ben marida coa fisionomía das coplas populares. O 'Le, lerelé lerelé' do seu estribillo e un coidadísimo video cun story brutal e pura paixón.

A maxia da mistura

Iago Pico é o produtor destas apostas marabillosas que convidan a viaxes siderais cheas de ritmo, dacabalo entre o techno, o trap e as novas fisionomías musicais, e a herdanza milenaria de muiñeiras, pasodobles, xotas e alalás. Unha aposta polas misturas, pola innovación, polo experimental, pero ademais quen de ubicarse na pomada das tendencias, do que apetece escoitar, ver e gozar.

Os vídeos, logradísimos

Unha fonte de fans á que non é allea a súa produción videográfica, rodada en Salcedo da man de Trece Amarillo, unha peza que foi sen dúbida unha das chaves do éxito, pois engancha o seu enorme atractivo sonoro cun poderoso argumento mítico e feminista, que afonda na temática da canción "anque de min digan digan, eu non digo de ninguén", un canto contra a renegrura chismosa que aínda corre por ahí. Unha peza visual feita para impactar dentro e fóra de Galicia, onde tanto abraia o arume de meigas, lume, carraxe e vinganza primitiva.

E pouco antes, Midas

E que lle ofrecía o destino a quen se interesaba por esa proposta brava e potentísima? Facilmente, o público podía chegar ao seu anterior título, Midas, unha carga de profundidade contra a avaricia, un coidadísimo vídeo protagonizado polo espectacular Xisco Feijóo, que pon todo de seu para xerar ese fastuoso novo rico, petulante, lascivo e fanfarrón, que acompaña de maneira xenial un cantar empoderado e retranqueiro capitaneado polas Tanxu.

Necesitaban algo así

Todo estaba servido: dúas propostas de enorme personalidade, bailables, de estética actual e fondo ben traballado. O camiño do festival comezaba co primeiro posto de Figa nesa macro enquisa de Eurovisión Spain que lles meteu no corpo o reto de presentárense á preselección. Un primeiro posto que algo tiña de purga contra a ansiedade dos eurofáns españois. Había que presentar algo distinto e brillante, que atoparon aquí.

Épica galega

Enxergaron Terra, unha proposta algo alonxada dos ritmos de Figa, pero con ese aire de muiñeira convertida en monumento, en peza épica. Chea de efectismos sonoros que combinan coas feroces voces femininas, o tema convertiuse en tendencia maioritaria e incontestable, se ben é necesario lembrar que non sempre os sondeos previos coinciden cos resultados finais, polo que cabe a posibilidade de que o entusiasmo inicial se torne en decepción.

Ben estudiado, ben feito

A produción de Tanxugueiras está poñendo todo da súa parte. Os cinco idiomas, a naturalidade con que utilizan o galego, a familiaridade con outros concursantes, a colaboración con Rayden —outra das grandes apostas do BeFest coa súa espléndida Calle de la Llorería— e con Rozalén, unha dama irreprochable da canción do momento… son datos que as sitúan nun substrato de alto poder simbólico e que lles darán moitas ledicias.

Riquiñas

Pero por enriba de todos estes datos máis ou menos de mercado, hai que subliñar a luz que proxectan as artistas nas previas do festival. Cultivan o riquiñismo con absoluta naturalidade, facéndose co público dun xeito espontáneo e agradable, do que se derivan entrevistas e tertulias cheas de engado para os ouvintes, creando novas simpatías.

Espectación ante a posta en escena

Un clima de poderío que crea grandes espectativas. Temos unha canción, temos un grupo riquiño, temos unhas voces espléndidas, temos uns arranxos potentes… pero Eurovisión é tamén, e sobre todo, espectáculo visual. Benidorm ofrécelles un escenario cheo de posibilidades onde non poden defraudar. Representar en teatro non é o mesmo que facer un vídeo xenial. O implacable directo das Tanxu enche ao fandom de confianza, e a canción préstase ao efectismo. Estamos seguros de que a penúltima canción da primeira semifinal será unha combinación de luces, recursos, vestiario, danza, panderetas e imaxes que deixará as cousas claras para o combate final do sábado, onde teñen enormes posibilidades de vencer.

Baiuca, Peón…

Pero as Tanxu non están solas no evoluído mundo folki galego. Outra figura máxica desta heterodoxia musical é Baiuca, un creador de pezas magníficas que leva anos experimentando combinacións electrónicas con ritmos e letras populares, facendo bailar en festivais e concertos a millerios de persoas ao son de milenarias melodías e elegantes sensacións tecnolóxicas. E outra que vén de lonxe é a non menos arriscada e poderosa Mercedes Peón, tamén tan persoal como brillante creadora de son industrial, que co seu Déixaas encheu as redes de estética metálica acompañada de gaitas, pandeiras e a súa portentosa voz.

Km 0: Perfecto Feijóo

Tanxu, Baiuca e Peón son só tres exemplos de éxito do que acontece cando se xuntan boas producións, amor á tradición e ganas de agradar a públicos cada vez maiores. De seguro que este pulo que experimenta a nosa música de raiz vai estimular o traballo de novos valores que seguirán a estela de don Perfecto Feijóo, cando en 1883 tivo o arroxo de convertir, quizaves por primeira vez en Europa, a música popular en música culta, subíndoa a un escenario co coro Aires d’a Terra. Ese río de sensibilidade que xa ten máis de cen anos, pousou no enorme traballo do folclorismo galego que hoxe constitúe un riquísimo legado inmaterial co que Tanxugueiras realizarán a ruta dos soños entre Benidorm e Turín, se todo sae ben.

A teta nai

Do resto das 14 pezas seleccionadas para competir no BeFest xeran enormes simpatías. As 13 están cantadas en español, aínda que moita xente pensa que con haber unha noutro idioma cooficial xa é un síntoma de normalidade. Outra das favoritas é Rigoberta Bandini, que o pasado ano tamén sonara como candidata co tema Perra. Nesta ocasión defenderá Ay mamá, un pegadizo himno de homenaxe ás nais e reivindicación da beleza feminina simbolizada no peito nú que aparece na Liberdade guiando ao pobo, de Delacroix.

Música que entusiasma

Entre quen pisa forte está o veterano Rayden, unha sólida figura do rap en castelán que foi evoluindo cara a aires máis populares, con letras moi ben construídas e profundidade temática. A súa Calle de la Llorería fala sobre as tensións que se crean nas redes sociais, cheas de falsa valentía e de egocentrismos. Música de alta personalidade para un festi que conta tamén con felices revelacións como Blanca Paloma, cun tema minimalista de estética neoflamenca titulado Secreto de agua ou coa estupenda proposta das veteranas eurovisivas Azúcar Moreno, que saen ao rescate de España co seu selo tradicional para defender Postureo, unha peza pensada para inundar as pistas de Spanish style.

Todo gusta

Se pides ruptura conceptual, o BeFest preséntache a Luna Ki, unha potencia, unha mensaxe en si mesma, unha muller espectáculo, que mostra novos horizontes. O pop máis divertido da man de Barry Brava cun tema homenaxe a Raffaella Carrá (con algo de oportunismo, coma se iso servise de algo en Eurovisión). Poucas posibilidades se lle outorgan ao resto, todo de bastante nivel no seu, pero sen capacidade de impacto: guapas baladas románticas, disco tracks ao peso, poderoso electro indi e versións americanas do norte e do sur…

Semellaba que o galego era un problema

Un enorme tabú. Un asunto puramente emocional. A creación musical en si mesma desmínteo. Escoitamos constantemente música clásica en latín, alemán, inglés ou italiano; rock, pop e country en inglés. O consumo de música nese idioma é abraiante en España. A dominación anglófona nunca foi un hándicap de mercado porque non se coñeceran as letras directamente. E moito menos hoxe, que existen medios inmediatos para satisfacer as curiosidades semánticas.

Idiomas no parking

Este asunto só resiste unha leitura en clave política. A condescendencia española coas chamadas "linguas cooficiais", e en concreto co galego, un idioma en caída libre nun país con autoridades incapaces de ofrecerlle o rango que merece, aínda que agora se mostren entusiasmadas nas redes. Os idiomas son un gran asunto cultural pendente tras a transición, que o statu quo español ten aparcado nese confín do non prioritario. E en Galicia, algún día estudiarán o vergoñento papel das nosas xeracións no devalar desta riqueza milenaria, que non logra manterse vizosa no océano global e só o consigue en pequenas burbullas sociais.

O galego, un valor engadido

A naturalidade coa que os eurofans acolleron a aposta de Tanxu demostra que a música —incluída a letra— é unha linguaxe universal. Que Terra sexa en galego non supuxo, de momento, un problema para case ninguén. Ao contrario, é considerado puro valor engadido. Aquí todo é riquiño, aglutinador e doce, como as nosas tres deusas góticas. Non hai fronteiras: a música sempre falándonos dos soños, das aspiracións.

Cervexa, roupa… e música

Visto desde o centro da península, isto ocorre coa lingua dun territorio que vai ao seu e non dá problemas a Madrid. Cómpre pensar que acontecería se fose en catalán, estímulo principal do relato nacionalista hispano, que axiña vería a man de Rufián abaneando as columnas do Plus Ultra. Se adoro a cervexa galega e os galegos véndenme roupa asiática —cada un é de onde nace— cool e barata, por qué non vou adoitar a súa música?

Obxectivo cumplido

Pase o que pase esta semana en Benidorm, o obxectivo de mercado está conseguido: os artistas ampliaron o seu público, promovéronse novas estéticas musicais, gañaron visibilidade asuntos que a axenda mediática tiña aparcados e a organización foi quen de entusiasmar ás peñas eurofáns. TVE lavou a súa cara mirando de reollo a San Remo, limpando telarañas e creando negocio. O seguinte capítulo, Turín, sexa en galego ou non.

Máis aló de Terra

As cifras poñen algo de medo. Dous millóns de visións en poucos días en Youtube ou un grupo de apoio en Facebook que chegou a 30.000 persoas en pouco máis dunha semana, falan dunha inusitada dimensión popular, cunha capacidade semiótica quen de compararse ás bagoas de Fraga no devalar da súa vida política, á Rosalía de Rei Zentolo, ao Fai un sol de carallo, á potencia do Xabarín Club, aos anuncios de Gadis, ou á Quintana os 25 de xullo, segundo cada segmento de público. A Galicia contemporánea ten tanta necesidade de reconforto, tanta sede de afirmación, que precisa momentos de elevada adrenalina coma estes. En chave interna, sobrepasan a dimensión dun espectáculo musical para entrar na esfera da identidade, o amor á Terra —tamén máis ca un título de fortuna—. Aida, Olaia e Sabela fornecen, sobre todo, de felicidade a este país. De amor a sí mesmo. De confianza e alegría.

Comentarios