Opinión

Amigos, coñecidos, inimigos e compañeiros de partido...

OS GALEGOS temos unha tendencia natural a tomar todo en relación a algo e así acabamos sempre manifestándonos sobre calquera tema que nos pregunten dicindo "depende..." e aínda que aló das nosas fronteiras non o entendan, nós sabemos ben de que falamos.

Un campo especialmente abonado para refrendar esta teoría é sen dúbida a política. Aquí non só cada un fala da feira segundo lle vai nela senón que tamén mira todo dependendo do cristal a través do que se mire.

Cando estudiabamos a Transición, un halo especial rodeaba aos políticos que protagonizaron, nas distintas e variadas opcións partidarias, o proceso que culminou coa chegada da democracia ao noso país. Ninguén dubidaba dos méritos e da capacidade de persoas como Adolfo Suárez, Felipe González, Alfonso Guerra, Santiago Carrillo, Manuel Fraga e ducias e ducias de persoas que impulsaron desde distintas ópticas a búsqueda dunha saída á situación na que se atopaba a sociedade española.

Os homes e mulleres que se adicaban á política representaban, teóricamente, o mellor da nosa sociedade: Os avogados máis avezados, xornalistas de raza, xuristas, médicos, empresarios de máis ou menos prestixio, sindicalistas, enxeñeiros, profesores, representantes de profesións liberais, etc. O saber si ocupaba lugar e unha posición de privilexio e respecto social consolidado a través dun traballo serio e contrastado a través de propostas e proxectos de futuro para o noso país feito desde distintas posicións ideolóxicas ou partidarias.

En base a ese concepto básico íanse formando os equipos, incorporándose persoas de prestixio e avanzaba un modelo de construción política en base ao diálogo, ao pacto social e ao intercambio de ideas, ás veces antagónicas, pero que facían que a nosa sociedade progresara con paso firme cara a un futuro mellor.

Agora a política atravesa un dos seus peores momentos, desde un punto de vista de aceptación e valoración social, e cun modelo baseado en estereotipos personalistas que en nada se parecen aos proxectos ideolóxico-políticos que se defendían hai dúas décadas.

As ocurrencias, o márketing da imaxe e dos xestos envolve por completo calquera atisbo de seriedade propositiva nas distintas formacións políticas afanadas por conseguir conformar unha oferta electoral o suficientemente atractiva para conseguir a confianza do votante a calquera prezo, sen importar a valía dos candidatos nin a idoneidade do programa a defender diante da cidadanía. Eso é o que menos pesa. Agora o que vale é si o candidato é máis ou menos mediático e si engancha co público a través de discursos baleiros e superficiais que igual poden subscribir uns que outros aínda que representen, teóricamente, a posicións políticas que se atopen nas antípodas ideolóxicas unha das outras.

Nestes momentos o importante é que o candidato sexa o máis afín posible ao líder incuestionable para encher coa súa presenza o maior espazo posible para que non haxa oportunidade algunha para que o disidente ou o librepensador poda colarse por algún resquicio cuasi inadvertido.

A nova política que impera a nivel estatal nos grandes partidos políticos (todos: PSOE, PP, Podemos, Ciudadanos...) está presidida por un movemento gregario e corporativista onde so poden xogar os que conten co beneplácito do líder aínda que para eso haxa que enganar ás bases con falsas eleccións primarias cheas de pucheirazos directos ou indirectos (nos comités electorais maquíllase a orde ou se defenestra directamente ao candidato incómodo elexido pola militancia).

A opinión das bases é totalmente irrelevante e os aparatos impóñense dun xeito tan descarado que algún, que non temos militancia política, sentimos vergoña allea.

Por desgraza, desde hai tempo estase promocionando unha nova xeración política baseada no achegamento persoal ao líder en lugar de fomenta-la meritocracia e a vocación de servizo á cidadanía como elemento vertebrador de calquera proxecto partidario. Se é complicado animar a destacadas persoas que forman parte do movemento asociativo, dirixentes sociais ou empresariais, agora co modelo imposto desde as altas xerarquias dos aparatos dos partidos é un auténtico atrevemento, cando non unha perda de tempo, a curto ou medio espazo.

Nunha sociedade democrática, formada por partidos democráticos, o método que se está a impoñer non favorece en nada ese concepto que nos demos a nós mesmos para autoorganizar á nosa sociedade dun xeito pacífico e racional.

En fin, en política acabouse con aquel plantexamento que procuraba incorporar ás mellores persoas nos postos de maior responsabilidade e agora impera, sen rubor algún, outro máis vulnerable á mediocridade onde pesa máis a afinidade co líder que a verdadeira capacidade de xestión. Como dicía Churchill: “Hai tres tipos de inimigos: os inimigos a secas, os inimigos mortais e os compañeiros de partido”. Giulio Andreotti, ex primer ministro italiano, ía máis alá e dicía: “Na vida hai amigos, coñecidos, adversarios, inimigos e compañeiros de partido”. Pois si eles o din será verdade, ou non?

Comentarios