Opinión

De continuidades e relevos na política española e galega

A saída da ministra de Exteriores, Arancha González Laya, estaba máis que descontada toda vez que o o goberno marroquí, pedira o seu cese para retomar os lazos de amizade 

DESDE LOGO a primeira metade do mes de xullo vaise caracterizar, no político, por dous elementos fundamentais: A crise de Goberno de Pedro Sánchez e a celebración do congreso galego do Partido Popular no que recuncará por quinta vez como presidente Alberto Núñez Feijóo.

En canto ao primeiro fenómeno, todo o mundo esperaba un baile de ministros no mes de setembro ou finais de agosto, para preparar o inicio do novo curso político, pero Pedro Sánchez sorprendeu a propios que llelo digan a José Luís Ábalos– e extranos e realizou un cambio profundo en sete das carteiras ministeriais poñendo fóra do seu Gabinete a persoas da súa máxima confianza, como Iván Redondo o ministro de Xustiza autor intelectual –ou comulgador con rodas de muíño– dos indultos e o nomeado ex secretario de Organización –cabreouse e dimitiu–, e mantendo nos seus postos a outros máis que cuestionados como o polémico Fernando Grande-Marlaska.

A saída da ministra de Exteriores, Arancha González Laya, estaba máis que descontada toda vez que o amigo do sur, o goberno marroquí, pedira como conditio sine qua non para retomar os lazos de amizade o cese fulminante da responsable da entrada de Brahim Ghali, dirigente do Frente Polisario, en España para ser tratado da Covid-19. Agora ocupa o seu lugar José Manuel Albares, un home que terá como principal misión recuperar a relación cos Estados Unidos, despois do ridículo de Pedro Sánchez ante Joe Biden, e arrastrarse canto poida para contentar ao sátrapa, o rei Mohamed VI de Marrocos.

Polo demais, nada novo sobre o horizonte. Os novos ministros son xente sen maiores experiencias na xestión pública nin privada, pero que todos teñen en común que veñen coa intención clara de adora- la figura política en ascenso perpetuo de Pedro Sánchez e seguir pola senda errática en canto a temas de especial trascendencia para o futuro do país.

Amortizado Miquel Iceta, deixa o seu posto para ser substituído por Isabel Rodríguez –entre aplausos dos soberanistas– e ocupa desde xa a simbólica carteira de Cultura –antes facíaselles ministros sen carteira– á espera de pasar a ocupar unha futura responsabilidade nun organismo –non dixen chiringuito– ou ente público máis acaído á súa experiencia e capacidade profesional.

Polo que respecta aos outros 5 ministros dependentes de Unidas Podemos, nada novo sobre o horizonte xa que foron todos “inmunizados” fronte aos aires renovadores e de “reactivación ante a crise económica que se nos aveciña. Para manter un pouco activo o suspense mediático, a vicepresidenta Iolanda Díaz xa se apresurou a dicir que poderían ser obxecto de cambios máis adiante…

Por outra banda, e na esquina noroccidental da Península Ibérica, esta fin de semana procederase a celebrar o congreso do Partido Popular de Galicia no que será novamente investido como presidente Alberto Núñez Feijóo. Ninguén presentou candidatura e a unanimidade vai ser a tónica dominante nun encontro no que o atractivo estará en vislumbrar cales serán os novos cadros intermedios desta formación política que ten a vista posta nos comicios municipais do 2023 e na recuperación das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, como principal obxectivo, sen esquecer que a de Ourense, que pende dun fío que se chama Gonzalo Pérez Jácome.

Como o que non ten que facer busca, o que máis e o que menos xa está escudriñando os movementos de última hora para adivinar no oráculo compostelano –celebrarase finalmente alí o Congreso en lugar de Pontevedra como estaba previsto por mor da alta incidencia da pandemia– cales serán os designios que guiarán a nova etapa de Feijóo e si esto suporá, de facto, a quinta confirmación como candidato á presidencia da Xunta para intentar superar as 4 maiorías absolutas e desbancar o récord que compartía con Manuel Fraga nesa xesta.

Dentro da previsibilidade á que lle gusta xogar Feijóo, xa anunciou que Miguel Tellado seguirá levando, como secretario xeral, as rendas organizativas e do día a día do partido, pero tamén haberá que coñecer ata onde chega a renovación e a incorporación de cadros intermedios femininos para reequilibrar a presenza da muller nos órganos de goberno do PPdeG, tal e como demanda o presidente galego.

O congreso galego dará paso aos provinciais e aos locais, con especial interese nalquelas vilas e cidades onde todavía non hai candidato definido e o tempo pasa xogando en contra dos intereses dos populares. Así, as miradas na nosa provincia estarán dirixidas, fundamentalmente, cara Vigo e Vilagarcía de Arousa xa que en Pontevedra o labor e a constancia de Rafael Domínguez fan presaxiar a súa repetición como candidato á Alcaldía da capital.

Máis complicado está o tema na cidade olívica onde Feijóo e o PP provincial ten unha espiña cravada cuns resultados moi decepcionantes –4 concelleiros– sobre todo á hora de acadar outro dos obxectivos prioritarios para o partido como é a recuperación da Deputación de Pontevedra. Se Vigo “non carbura” e Abel Caballero segue impoñendo o seu “Réxime” é moi complicado que o resto da provincia reme o suficiente para sacar a flote o acceso ao Pazo da Avenida de Montero Ríos.

Outro tanto pasa no Salnés onde Vilagarcía deberá de contar cun candidato/a o suficientemente solvente como para evitar que a previsible debacle do PP en concellos nos que era hexemónico como Meaño –expusión do alcalde do partido–, Meis –sen candidato claro– ou Ribadumia acabe por costarlle o segundo deputado provincial aos populares en favor do BNG, en claro ascenso.

Parece que en materia política este verán non vai ser de descanso se non máis ben de reactivación e posta a punto fronte ao novo curso político que se antolla especialmente complicado para uns e para outros, ou non?