Opinión

Unha discusión digna do VAR...

CORENTA ANOS despois da Transición, a perspectiva sobre os valores democráticos adquire novo significado modulado por unha clase política que, en esencia, vai perdendo o seu nivel e excelencia a medida que vai pasando o tempo, facendo honra a aqueles que pensan que a representación pública do noso país está ostentada por persoas mediocres que trasladan as súas carencias ás institucións nas que se insertan poñendo deste xeito en crise ao propio sistema democrático.

O vivido este mércores no Congreso entre o deputado de ERC Gabriel Rufián e o ministro de Exteriores, Josep Borrell, os dous cataláns, foi a gota que culminou o vaso da paciencia da presidenta da Cámara Baixa, Ana Pastor, quen tivo que irrumpir (eu diría que incluso impresionada, entristecida e emocionada) para reclama-la dignidade da Casa da Palabra como definiu á propia sede parlamentaria.

O que se escenificou este mércores foi unha proba máis de que a clase política que se encarga de dirixir e de xestionar a representación popular non está á altura das circunstancias e aquelas persoas que se encargan de liderar e conformar os partidos políticos teñen un nivel democrático moi baixo.

Atrás quedan as sesións parlamentarias protagonizadas por auténticos titanes da política, antagonistas, pero que sabían que na Casa da Palabra víñase a aportar, a confrontar e a discrepar desde o respecto e a tolerancia pese a que moitos deles tiñan posicionamentos non so antagónicos senón que aínda sentían nas súas carnes e na dos seus compañeiros a dor do terrorismo, nuns casos, e da represión franquista, noutros. Pero souberon antepoñer o esencial por enriba do importante e facer da necesidade de construir un país en positivo a súa amalgama para manter erguido o novo sistema democrático que se estaba a construir, con luces e sombras, con eivas e problemas, pero sempre coa mirada superadora posta no horizonte, alonxada das cloacas, do emponzoñamento e do enfrontamento estéril a modo dunha especie de Sálvame Deluxe no que se está a convertir a política en calquera dos seus ámbitos: local, municipal, provincial, autonómico, estatal...

Seguro que a presidenta do Congreso, Ana Pastor, sentiu vergoña allea; non é para menos ao ver como os máximos representantes da soberanía popular se intercambian, cada día, na Cámara Baixa unha serie de insultos e acusacións polo mero feito de pertencer a unha ou outra opción política ofrecendo un espectáculo nada edificante para a nova sociedade que estamos a construir e despois estranámonos de que se produzan episodios continuos de todo tipo de violencia: de xénero, na atención sanitaria, nos centros educativos contra os profesores, entre alumnos, o bullying, nas relacións de parella, nas letras das cancións

En tódolos ámbitos da vida a violencia, a crispación, o insulto, a falla de respecto, a navalla trapeira, o remover das cloacas, a mentira, o engano, denostar ao adversario en lugar de rebati-los seus argumentos,... A que nos leva todo esto? A unha sociedade desestructurada, bruta, inculta, intolerante... representada por ignorantes, mediocres e todas aquelas persoas que busquen na descualificación e no enfrontamento sistemático o camuflaxe perfecto para a súa incapacidade e mediocridade.

Por ese camiño é como se alimenta o odio, xenreira, a carraxe, o enfrontamento fratricida que acaba, si ou si, en modelos autoritarios de toda índole que o único que fan é aproveitarse da situación de fartazgo da xente para que agromen movementos extremistas de todo tipo conducindo a un país, dun xeito irremediable, ao abismo.

Agora o de menos é saber si Borrell acusou inxustamente a un deputado de ERC de cuspirlle ou si realmente este fixo un xesto ou un amago. Joan Tardá, sabedor que nas imaxes das televisións o feito non queda suficientemente acreditado, xa reclama públicamente que alguén aporte as imaxes do incidente, como si do VAR do Congreso se tratara, para ver si a ambigüedade sobre a culpabilidade deste tema pode lograr un novo escenario de victimismo e persecución contra os representantes do independentismo catalán que, lonxe de encauzar o problema, seguen apostando por darlle unha nova volta de torca á situación non sei si buscando que rache por algunha parte en lugar de buscar alternativas construtivas que axuden a superar esta grave situación territorial na que estamos sumidos por erros continuos de tódalas partes en liza na que siguen persistindo a ver si se chega a un choque frontal ou algún deles descarrila antes... Mala estratexia.

En fin, non podemos seguir por un camiño que está a mina-lo prestixio de tódalas nosas institucións desde a xefatura do Estado, pasando polo poder executivo, o lexislativo e o xudicial, pero tamén menoscabando a autoridade e a capacidade dos profesionais da mediciña, educadores, corpos e forzas de seguridade do estado e á clase política, si tamén aos nosos políticos. Non podemos deixar que a representación popular, por desánimo, desinterese e abandono acabe sendo ostentada por trileiros, mentireiros, xente sin escrúpulos que co seu propio xeito de facer provocan o espanto e a estampida daquelas persoas que de boa fe queiran aportar algo ao interese xeral.

Estamos asistindo a un círculo vicioso que si non somos quen de rachalo rematará converténdose nun auténtico circo de tres pistas onde todos acabaremos facendo de paiasos, pero non para rirnos de nós mesmos senón para que os demais se rían de nós, nunha escena macabra, ou non?

Comentarios