Opinión

Estamos ante unha Marea implosiva...

HAI VECES que resulta difícil atopar un título que identifique e resuma o interese e a intención dun artigo de opinión como este. Ás veces por falta de inspiración e outras, as menos, porque flúen demasiadas ideas e acepcións que fan imposible que un se decida por unha ou outra opción. Éste é o caso que nos ocupa hoxe posto que vou intentar disertar sobre o proceso que está a levar á destrución a En Marea e véñenme ao maxín títulos como o que encabeza esta peza xornalística pero que ben podería ser substituída por referencias máis literarias como “Crónica de una muerte anunciada” ou máis popular: “Entre todos la mataron y ella sola se murió”.

En fin, que a medida que se vai poñendo fin á actual lexislatura autonómica, o proxecto En Marea, pioneiro no Estado Español en unir baixo un mesmo paraugas político instrumental á esquerda transformadora estatal coa nacionalista ou soberanista galega, vai esmorecendo entre loitas intestinas e fratricidas de consecuencias letais.

Os de En Marea pasaron de liderar e reivindicar a ilusión e a protesta na rúa dos indignados do 15-M, herdeiros dos cabreados do “Nunca Máis” do Prestige e dos lumes, a se converter nunha auténtica sombra lastimosa que dá mágoa política polos recunchos do Parlamento galego e do Congreso dos deputados, orixe do pesadelo.

E digo esto porque o que para moitos foi un soño de ver como Galicia tería no Congreso, por primeira vez desde a Transición, un grupo de representantes propio, sen vencellos nin “obediencias” con ningún partido estatal, converteuse rapidamente nun auténtico problema e motivo de fricción entre Podemos e as distintas confluencias, entre elas a galega.

Os de En Marea, lonxe de se alonxar e reivindicar a súa identidade e idiosincrasia política (incluso como proxecto pioneiro a imitar no resto do Estado) optaron pola submisión e a obediencia máis que debida a Podemos, Pablo Iglesias e tódolos seus adláteres condeando ao ostracismo e á disolución, como un azucarillo nun vaso de auga, no grupo global e unificador de Unidas Podemos.

Como consecuencia, o entusiasmo e o ímpetu dos inicios de En Marea foi esmorecendo cun camiñar lento e acompasando imitando o andar dun preso axustizado no garrote vil nas épocas máis escuras do século pasado, condeado en xuizo sumarísimo ao cadalso sin remisión.

E con estes líos de fondo foron chegando as distintas convocatorias electorais con resultados máis que negativos para os intereses dos defensores de En Marea como plataforma de entendemento e de traballo para as forzas de esquerda, con vencellos estatais ou non, e aquelas outras máis ou menos soberanistas ubicadas fóra do Bloque Nacionalista Galego por diversas circunstancias e razóns.

O devir dos acontecementos fixo que En Marea pasara, en poucos anos, de ser a segunda forza política en Galicia, como acredita o seu grupo parlamentario na nosa comunidade autónoma e o goberno en tres das sete grandes cidades galegas, a perder calquera protagonismo hexemónico tra-los últimos resultados nas eleccións xerais e, máis palpables, despois das municipais.

E agora atópase sumida nunha auténtica fase final, de enfrontamento mortal e fratricida de consecuencias tráxicas para os intereses dos inspiradores da conformación de En Marea, onde non vai sobrevivir politicamente ninguén porque o electorado si hai algo que precisamente non tolera é as liortas internas en calquera formación política e castiga duramente o non ser quen de ter a casa arranxada seguindo aquela vella reflexión do paisano que pensa que é moi difícil que un arranxe a casa de todos cando non é quen de axeitala súa. É dicir, "paz na casa e guerra fóra...".

E rematando con este artigo como o empecei, eu engadiría outro dito ben coñecido na Galicia rural que di que "cando non hai fariña, todo é riña", enténdaseme que o digo no sentido de que como cada vez quedan menos votantes e se reduce a representación institucional e se deixa de muxir o teto, xurden rapidamente as desavinzas e os problemas porque, como se ve agora coa elección de senador por designación autonómica "non hai cama para tanta xente" e polo tanto "coas cousas de comer non se xoga", ou non?

Comentarios