Opinión

Feijóo, de visita polos madriles...

ALBERTO NÚÑEZ Feijóo será o seguinte presidente autonómico que teña a oportunidade de entrevistarse na Moncloa con Pedro Sánchez, máis concretamente o vindeiro 17 de xullo, unha data histórica e non me refiro a que coincida coa víspera do chamado “Alzamento Nacional”, nin moito menos, senón porque Galicia, a terceira comunidade das chamadas históricas en aproba-lo seu estatuto de autonomia no 36, terá a oportunidade de coñecer cal será, a curto e medio prazo, o nivel de compromiso do goberno central coas necesidades do noso país.

Bascos e cataláns xa tiveron a ocasión de facer repaso sobre as débedas asumidas polo novo presidente do goberno como peaxe para acceder ao cargo e agora tocaralle a Núñez Feijóo ter que desentrañar si estes acordos e compromisos de Pedro Sánchez serán asumidos ou non en detrimento dos intereses galegos.

Polo de pronto xa imos coñecendo as prioridades do novo goberno socialista e vemos que ante a perda do contrato de Navantia de 9 fragatas para a Armada Real Australiana, uns 23.000 millóns de euros dos que se ían beneficiar principalmente os asteleiros deste complexo naval de Ferrol, vese un anuncio pola vía de urxencia da ministra de Defensa, Margarita Robles, dun investimento de máis de 5.000 millóns de euros, antes de que finalice este presente ano, que irán destinados a dar resposta positiva ás demandas de Donald Trump (quere que o orzamento militar de España non baixe do 2% total dos PXE).

Ao parecer, estes investimentos, segundo a propia ministra do ramo, van ir orientados a revitalizar aquelas comarcas “especialmente golpeadas pola crise” e que os socialistas ubican fundamentalmente no sur da península, onde o PSOE ten unha implantación estratéxica ante o máis que posible adianto das eleccións en Andalucía, á volta da esquina do panorama político español. Parecera que a Ferrol e aos ferroláns non lle sacudira duro a crise económica dos últimos anos… Sin comentarios.

Outra circunstancia de interese a ter en conta nesta xuntanza madrileña será a prioridade que o goberno central lle queira dar á culminación do AVE a Galicia coñecedores do “apetito” catalán e do ministro valencián de Fomento, José Luis Ábalos, en fornecer e promocionar o “Corredor Mediterráneo” para o cal xa se puxo de inmediato en contacto coa comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, para convencela das bondades desta iniciativa e atopar en Bruxelas os apoios necesarios que, agardemos, non vaian en detrimento dos compromisos con Galicia e o corredor Atlántico e Cantábrico...

Desde logo creo que desde Galicia está máis que demostrada a lealdade territorial e esforzo solidario pola cohesión co resto do Estado, pero por desgraza estamos ben acostumados a que coa chegada dunha administración socialista os compromisos adquiridos por gobernos anteriores coa nosa comunidade acaben sufrindo aprazamentos inexplicables e incluso recortes intolerables. Non podemos esquecer o triste paso polo Ministerio de Fomento de Magdalena Álvarez, por certo, hoxe imputada nos EREs de Andalucía, que definiu perfectamente os seus intereses e as intencións do seu goberno con aquela mítica frase clarificadora de “Plan Galicia de mier…”.

Veremos pois como Núñez Feijóo, que renunciou a realizar un paseo triunfal no proceso de primarias do PP, e confesou o seu desexo de seguir contribuíndo a intervir políticamente en España desde Galicia, as vai compoñer para que eso sexa así e, ao igual que sucede cos bascos e os cataláns, a nosa comunidade teña o peso específico que lle corresponda en función dos niveis de compromiso amosado nos anos de crise, cumprindo cos coeficientes de déficit como ninguén, ou agardando pacientemente a que lle chegara o seu turno investidor no que se dá en chamar a débeda histórica con Galicia e que podemos concretar a través da chegada do AVE aos andéns galegos, que se fixaba para o 2020 despois de innumerables incumprimentos e aprazamentos encadeados de datas autoimpostas por ADIF e polos sucesivos gobernos do estado.

Teremos pois que agardar unha semana para coñecer dun xeito claro si co cambio de goberno Galicia sae beneficiada ou, como ben sendo tradición na historia do noso país, hai que seguir agardando pacientemente pola nosa oportunidade mentras outros viaxan á velocidade da luz. Os galegos esperamos non ter que seguir asistindo a aquela mítica imaxe do noso Castelao e seguir escoitando que mexan por nós mentras temos que dicir que chove, ou non?.

Comentarios