Opinión

Pablo Iglesias cortou a coleta como os vellos toureiros

CANDO o presidente Feijóo está máis preocupado polo desenvolvemento do Xacobeo 2021-22 e pola volta á "normalidade" con posibilidades de que durante este verán poidamos pasear pola rúa sen máscara, salta a noticia de que Pablo Iglesias foi quen de corta-la coleta, un feito que moitos queren ver como un xesto simbólico, a imaxe e semellanza dos vellos toureiros cando deciden abandonar a súa presenza no coso taurino, e marcar con ese acto o punto e final na súa traxectoria polo mundo da tauromaquia.

Moitos foron os toureiros famosos que non quixeron abandonar o seu xeito de vivir, a súa paixón, sen pasar previamente polo coso pontevedrés de San Roque. Pontevedra é boa vila e un dos lugares do Estado Español no que se aprecia a boa faena e a valentía dun "diestro" que sabe que nesta praza correspóndense con aplausos as evolucións e boas feituras coa capa e a muleta. Tampouco é descoñecedor de que aquí tampouco se dubida en recriminar o espectáculo chabacano e falto de arte e bo gusto como testemuñan todos aqueles que por aquí pasaron.

Pois ante a sorpresa de todos e todas, Pablo Iglesias decidiu cortar a coleta sen antes protagonizar un mitin multitudinario en Pontevedra e despedirse da afición como corresponde aos grandes toureiros. Nas súas estancias na provincia preferiu percorrer a cidade olívica que deixarse ver pola capital da provincia, terra de adopción desde hai moitos anos do presidente Rajoy, ferido no seu sentimento tras ser declarado polo Concello "persoa non grata" pola prórroga outorgada durante o seu mandato á permanencia de ENCE na súa ubicación actual.

Pablo Iglesias deixa atrás, para o recordo, sobradas mostras da súa capacidade oratoria e do seu xeito particular de entende-la política baseada na narrativa de George R. R. Martin e o seu mítico libro Xogo de Tronos onde demostrou que dos fundadores da súa organización so podía quedar un, como puideron comprobar na súa pel no seu momento Juan Carlos Monedero, Carolina Bescansa, Íñigo Errejón… e tantos outros que foron baixándo do "tiovivo" no que acabou convertendo Iglesias a Podemos.

No seu haber hai tantas "faenas" como traizóns acapara no seu debe. Entre as decepcións que levaron aqueles que impulsaron aquel intento rexerador da política española, tra-lo Movemento do 15-M, están o feito de transformar unha opción partidaria baseada na democracia de base, no asamblearismo, nun modelo unipersoal, casi teocrático onde calquer atisbo de disconformidade co líder era interpretado como unha manifestación inequívoca de disidencia e traizón, como lle pasou, por exemplo, á líder de Podemos Andalucía, a anticapitalista Teresa Rodríguez, entre outros tantos.

Tampouco entenderon os inimigos da caste como é que aquel mozo revolucionario de megáfono en man procedente do barrio obreiro de Vallecas foi quen de abadonar á primeira de cambio o seu estilo de vida por probar o mel da gloria e trasladarse a un chalet de máis de 600.000 euros en plena zona residencial de Galapagar con "escoltas" que impedían que a xente lle fixera "escraches" como os que antes protagonizara fronte aos seus adversarios políticos. Non se entendeu moi ben pola cidadanía de a pé que cando o facía el era un xesto de "liberdade de expresión" mentras que cando o facían outros contra si mesmo eran manifestacións do "neofascismo" irreverente.

Vaise pois Pablo Iglesias emulando aos vellos toureiros, cortándo a coleta como mensaxe inequívoca de que estamos ante un último acto mediático sobre unha decisión que parece non ter volta. Moitos foron antes que el os políticos e os toureiros que dixeron "desta auga non beberei" e volveron recuncar.

Certo é que segundas partes nunca foron boas e moitos daqueles "diestros" que decidiron volver fixeron o ridículo en prazas amigables e mesmo con touros amansados para garantir unha reentrada con éxito.

Iglesias cortou a coleta, como os vellos toureiros que cando se retiraban facían ese xesto para desprenderse dunha pose e dun elemento que durante un tempo non so lle serviu de identidade senón de imaxe rebelde contra a caste. Cortar a coleta facíase tamén por comodidade ao ser sabedor o mestre de que non volvería ter que tourear e non necesitaría ter unha coleta que amortiguara un mal golpe que o destino ou o envite dun touro lle puidera ocasionar.

Quizais, neste xesto se agoche tamén o querer evitar que o destino electoral lle dea un novo golpe que puidera apartalo polas malas e dun xeito democrático definitivo dos ruedos de España, ou non?

Comentarios