Opinión

Predicar co exemplo en tempos de pandemia

Cando entramos na recta final do ano asistimosa toda unha serie de movementos nas distintas institucións de representación política para ir aprobando o que serán os seus respectivos orzamentos parao vindeiro ano. Así, concellos, deputacións, Xunta e Goberno central están levando aos diferentes foros de representación cidadá os documentos que rexirán as súas respectivas accións políticas para o vindeiro ano, un exercizo marcado sensiblemente pola pandemia da Covid-19.

Feijóo xa anunciou que conxelaríaos salarios aos membros do seu Gabinete así como aos altos cargos da Xunta, ao tempo que o Goberno central autoemendou os seus orzamentos e agora retira unha proposta de suba por outra de conxelación salarial ao igual que están a facer moitos concellos, pero non todos.

Parecera que nestes tempos de especial sensibilidade habería que predicar co exemplo e fixarnos naquelas persoas que cos seus actos deberían dar mostra dun exercizo de ética e de estética ante persoas que o están pasando moi mal e que teñen unha enorme incertidume de cara ao futuro.

Sen querer entrar en polémicas, gustaríame analizar si deben ou non cobrar aquelas persoas que se adican á actividade política, un debate que se fai máis agrio e difícil en tempos de especial sensibilidade social como son as épocas de crise económica ou, como esta, onde estamos acometendo unha sacudida sen precedentes por mor dunha pandemia sanitaria con consecuencias aínda por determinar.

Neste contexto, volve á palestra a discusión sobre si aquelas persoas que se adican a algún tipo de actividade política que requere da súa dedicación, total ou parcial, deben recibir algún tipo de emolumento compensatorio. É un debate que se presta moito á demagoxia de todo tipo e que non é doado de afrontar desde a distancia e o raciocinio.

Desde o meu particular punto de vista, unha actividade política na que a persoa que a desempeña ten cargos de responsabilidade que lle obrigan a facer un servizo continuado e "profesional" aos cidadáns, debe contar cunha indemnización suficiente que lle permita garantir uns ingresos dignos para manter un sustento vital que compense o esforzo realizado. Deste xeito convertiríase estes emolumentos nunha garantía democrática que favoreza o acceso a calquera persoa á actividade pública.

Sen querer entrar en polémicas, gustaríame analizar si deben ou non cobrar aquelas persoas que se adican á actividade política, un debate que se fai máis agrio e difícil en tempos de especial sensibilidade social

Por que digo esto? Por unha sinxela razón: Se non fora así, só os poderosos, aqueles con autosuficiencia económica, poderían optar a desempeñar estes postos xa que aquela persoa que tivera que compaxinar de xeito continuo a súa presenza ao fronte dunha responsabilidade pública cun traballo a xornada normal tería moi complicado acceder a esta actividade. Só poderían desempeñar estas tarefas aqueles individuos con "posibles" que coparían ditos postos: Rentistas, empresarios, etc. ou pensionados e xubilados…

Quere isto dicir que se debe pagar por todo? Non necesariamente, cada cousa iría en función das necesidades e do tempo a dispoñer para cada actividade en cuestión. Ademais, tamén aquí entraríase a valorar o voluntariado político-social que moitas veces impulsa a participación política da cidadanía en moitos foros de representación social.

E canto terían que cobrar? Pois nos casos de adicación completa ou parcial, sería en función do contexto social e do cargo a representar. Eso si, habería que deixar atrás todo tipo de demagoxia, polo que expliquei antes, e habería que colle-lo touro polos cornos e fixar uns baremos obxectivos e iguais para todo o mundo de tal xeito que houbera un mesmo criterio alleo a calquera discusión política.

En canto á cantidade habería moito que discutir, pero partindo de que unha persoa debería gañar un salario para vivir dignamente e que fora acorde á carga de traballo que desempeña, habería que ir pensando en facer fórmulas que tiveran en conta a responsabilidade a desempeñar: alcalde, deputado provincial, deputado autonómico, senador, etc.; a xornada laboral adicada a este menester e tamén a "renda per capita" do lugar onde se exerce esta función. Tampouco viría mal establecer cotas máximas que non deberían superar, por exemplo, en 3 veces o Salario Mínimo Interprofesional (SMI),por poñer un caso.

Deberíase, en definitiva, establecer un sistema igualitario e unificador de criterios para evitar debates e discusións e non ter que recurrir a actuacións demagóxicas ou voluntaristas en base ás conviccións e comportamentos individuais como os realizados por persoas como o austeiro ex presidentedo Uruguai, José Mujica, que desprendíase cada mes do 90% do seu salario, para quedarse con tan so 1.500 euros, aproximadamente, ou o excéntrico Donald Trump que facía o propio para cobrar un dólar ao ano, ou non?

Comentarios