Opinión

A solidaridade pétrea dos nosos canteiros

Un dos oficios artesáns de maior arraigo no tempo é o dos canteiros e, na provincia de Pontevedra, sempre houbo bos mestres que deixaron boa mostra do seu saber ao longo da xeografía galega, española e portuguesa. Ben coñecido é a súa calidade e importancia na creación da arte sacra de épocas tan lonxanas como o románico ou o gótico.

Avanzando o tempo, este oficio foise consolidando e adaptando ás novas circunstancias sen perde-lo seu prestixio e saber facer. Como continuadores e conservadores deste oficio está a Escola Oficial de Canteiros de Poio, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, que atesoura toda unha serie de coñecementos e imparte doctrina non so na nosa provincia senón que tamén no mundo enteiro.

Dan boa mostra do seu saber facer a súa participaron nos labores de rehabilitación de monumentos tan emblemáticos como o propio Big Ben, na capital londinense; o Capitolio, nos Estados Unidos, a Sagrada Familia, de Barcelona ou a mesma catedral de Santiago.

Os canteiros son un mundo aparte. Tanto é así que incluso teñen un idioma propio o latín dos canteiros ou o verbo das arginas. Pero cando se trata de solidariedade son os primeiros en estar dispostos a colaborar como agora no caso da Catedral de Notre Dame.

A noticia do incendio da Catedral de Notre Dame, en París, caeu como un xarro de auga fría sobre as costas do mundo enteiro. Calquera persoa sensible coa arte e a historia sentiu no máis profundo da súa alma a dor producida polas chamas que consumiron unha boa parte da historia da humanidade. Contemplar con impotencia como se queimaba Notre Dame, a grandiosa catedral de París, produciu en todos nós unha sensación de derrota indescritible só mitigada pola certeza de que o grandioso incendio non ocasionara danos persoais nin vítimas mortais.

Esa imaxe tardará moitos anos en diluirse no imaxinario colectivo de todos nós e, ao mesmo tempo, ten que servir de motivo de reflexión sobre o inxente patrimonio cultural e arquitectónico que albergan as igrexas e os nosos pazos sen que teñan as medidas de seguridade axeitadas para evitar que desgrazas como as sucedidas na capital francesa se poidan extender a recintos como a Catedral de Santiago, o mosteiro da Armenteira ou o Pazo de Fefiñáns, sen ir máis lonxe, ou mesmo o Pazo de Lourizán, que está nun momento de conservación moi delicada e sería unha mágoa que tamén sucumbira ante a pasividade e a falla de entendemento entre as administracións públicas.

Non quero entrar en quen debe velar por ese patrimonio nin se é da igrexa católica ou de tal ou cal particular. Debería haber unha normativa de rango autonómico que obrigara a calquera propietario dun Ben de Interese Cultural (BIC) a conservalo nas mellores condicións posibles para que poida ser visitado, coñecido e ser obxecto de investigación por calquera estudoso. E, para elo, tamén habería que poñer desde as institucións públicas os medios necesarios para que eso fora así. Esixir unha axeitada conservación, pero tamén axudar cos cartos de todos (os impostos) a que esta circunstancia poidera ser efectuada con garantías e supervisada pola administración pública.

Desde logo que ninguén está libre de ter un accidente con consecuencias nefastas, pero sempre é mellor previr que lamentar e co rico patrimonio atesourado en edificacións emblemáticas que xalonan a gran maioría das comarcas galegas ben merecera unha atención especial por parte de organismos, como por exemplo Patrimonio, que non só velaran polo cumprimento da normativa senón que axudara na difícil tarefa de conservar e divulgar esta riqueza arquitectónica, cultura, pictórica en moitos casos, ou documental.

Mentres non sexamos quen de coidar o noso patrimonio cultural estaremos expostos a perdelos nun abrir e pechar de ollos sen que moitas veces teñamos feito o necesario para evitar a súa perda. Un pobo que non sexa capaz de mante-las súas sinais e idiosincrasia corre o serio risco de desaparecer como entidade social con identidade propia, ou non?

Comentarios